Demo de eleccións

Alberto Mefis Tófeles

Alberto Mefis Tófeles

Ándovos a ler, nestes días de reflexións e recomposicións políticas, a historia do Demo de Vicente Risco. Pareceume unha lectura acaída despois das diabólicas eleccións que decidiron o regreso ao goberno da Xunta do Partido de Dios, la Patria y la Sagrada Hipoteca. No seu tratado, Risco, que anticipou no tempo, aínda que non na sona, o diagnóstico spengleriano da decadencia de Occidente, atribúe con pulcra erudición a Satán a erección da segunda Torre de Babel: a civilización moderna, “intención secreta -afirma o de Ourense- de todas as herexías, de todas as apostasías, de todas as rebeldías”.

Eran cousas que Don Vicente dicía en 1947, pouco despois de arrenegar do Demo galeguista e republicán,  cando o franquismo podía aparecer, a ollos daquel católico excéntrico, como a tentativa arcanxélica e flamíxera de repor a orde natural do universo e o imperio do Sumo Facedor. Risco, na súa biografía do Demo, dá por sentado que a verdade absoluta existe e ten por asento principal fortificado a Cátedra de San Pedro, e que todo o traballo de deconstrución das grandes verdades da metafísica encetado pola Ilustración europea obedeceu en último termo aos diabólicos manexos de Lucifer. Non deixa de ser irónico que o primeiro teórico do nacionalismo galego envorque dese xeito a Deusa Razón nas caldeiras fumegantes do inferno. Para o noso etnógrafo máis fantástico e atrevido, hai moito tempo que Satán, pai das Mentiras e máis do Esquecemento, deixou as encrucilladas medievais polo laboratorio e a planificación técnica da corrupción das almas. El é, en definitiva, o gran beneficiario do Progreso, o seu soberbio fautor. Pois no “afán de superar todo o recibido” do que os contemporáneos nos gabamos con pecaminoso orgullo, atopa Satán a máis grande ocasión que viron os tempos para someter o mundo ao seu antollo.

Nada que obxectar. Inclusive desde o ateísmo, que eu profeso con luciferina teimosía, é posíbel aceptar este diagnóstico pesimista sobre a cultura e a civilización que nos acubillan. Despois de todo, Don Vicente só tratou de acrisolar a Nietzsche co Catolicismo, como George Bataille, poeta e prosador sublime da obscenidade, tratou de conciliar ao notario da morte de Deus con Sigmund Freud e Karl Marx na súa pecadenta Summa Ateologica. A tradición pesimista europea, como a pornografía, non é patrimonio dos conservadores. Hoxe por hoxe, até comeza ser especificamente de esquerdas, a tal punto a Dereita satanizada conseguiu apropiarse do optimismo progresista, alén de lle asaltar o panteón e roubarlle deusas tan pouco católicas como a Liberdade, a Razón ou a Democracia. Coitado de Don Vicente de ver esta Dereita que padecemos entregada ao existencialismo do estar no mundo e o ser para a morte. “A Dereita son eu”, blasfema Satán cunha gargallada estrepitosa. Pena que teño de tantas beatas e tantos vellos patriarcas e tantos novos emprendedores que acreditan sinceramente na existencia de Deus e no Sumo Pontífice que os ha liberar algún día da crise económica e a decadencia moral. Eles polo menos non son intelectuais e nin sequera sospeitan as posibilidades políticas do cinismo. A penas as do resentimento.

Pois o que Don Vicente non previu, obcecado en esaxerar a face esquerdista, liberal ou xacobina do Príncipe do Mal, sen dúbida verídica, foi a entrega absoluta das forzas do Ben á pura consecución do Mal por medios escrupulosamente legais, racionais e democráticos. Exactamente o mesmo do que non souberon precaverse os antigos socios de goberno que marchan agora co rabo entre as pernas para asombro de toda a corte infernal. Afeitos a pensar que os demoníacos eran eles, non viron que o Demo mudaba de bando e se mascaraba tras o partido de Dios, la Patria y la Sagrada Hipoteca para facer medrar a Torre de Babel a menos de cincocentos metros da costa. Contaban, seica, co apoio incondicional do tradicional electorado satánico sen saber unha palabra de como furrulan as cousas no inferno e que se hai algunha fraqueza que o Demo non perdoa é a beatería nas súas propias filas. Ben sabido é que Lucifer non se anda con hostias. O último cartaz electoral de Núñez Feijoo, que veu remudar a inicial e incomprensíbel imaxe “Citizen Cane” do candidato na moito máis sedutora e arteira figura de Mefistófeles, falaba ás claras de onde se ía situar o Demo desta volta.

Esta é a conclusión que eu tiro en limpo, a miña análise electoral, que lle chaman agora por aí: hai que volver ler a Vicente Risco e perdoarlle as imprevisións, que xa o dixo Manuel Outeiriño no seu día e ninguén lle fixo caso. “Temos aínda por diante rescribir posmetafísicamente a teoría do nacionalismo galego, procurar o significado posmetafísico da saudade, tentar comprender con ecuanimidade o esforzo político de Vicente Risco.” Ou dito de xeito blasfemo… Amiguiños, hai que volver ser satánicos, que de católicos vainos de puta pena!

Advertisements