Os 22 Romances Inconclusos do Quico Cadaval

Un contador incontíbel

Un contador incontíbel

Regresa a colección máis tabernaria da literatura galega, tan entregada nos últimos dias a polémicas tabernarias e tabernáculas logo da demisión do Méndez Ferrín da capitanía da RAG Enterprise, e faino da man do Quico Cadaval, dramaturgo, contador e home de palabra rápida, quen non contento cos usos e costumes tradicionais do escritor tabernario, vaise enlear no proceloso mar da performance comprometéndose en esforzado obxectivo: escribir Vinte e Dous Romances Inconclusos en menos de dezaseis horas. O evento, tras ser adiado a semana pasada, terá lugar mañá día 27 de Febreiro no Café Bar Trece, promotor das Edicións do Trece que dan sustento e mantenta ao Lapis do Taberneiro, a devandita colección na que xa probaron caldos e racións literarias xentes tan dispares como Mingolo Alborés, Raquel Miragaia, Carlos Meixide, Marga Alborés, Sechu Sende, ou este mesmo paxaro que vos escribe e que pasa por ser editor de tan etílico enxeño. A cousa será retransmitida en streaming a través das redes sociais tratando de emular as xestas cinematográficas de Andy Warhol, capaz de entusiasmar aos públicos parisinos coa soneca dun tipo durante dez horas. O resultado, prometidamente inconcluso, será dado ao santo prelo en vindeiras semanas e presentado en breve no mesmo local dos nosos amores literarios e vitivinícolas. Que vos preste!

Advertisements

A Primavera de Carlos Meixide

O relato en Calameo

Preséntase este Xoves día 20 de Maio a última entrega da colección O Lapis do Taberneiro, desta volta asinada por Carlos Meixide baixo o florido título de “Primavera”. Despois de Trece Xogos de Mingolo Alborés e “O Décimo Terceiro Mês” de Raquel Miragaia, a colección presenta esta pequena xoia literaria na que o Meixide, co verbo áxil e brillante que o caracteriza, fai un retrato irónico e humorístico da clientela dunha taberna no primeiro día primaveral do novo Ano Xacobeo. As temperaturas en alza quecen peitos e cabezas e as primeiras raiolas da estación se mesturan con viños e gin tonics para provocar unha bebedeira colectiva de antoloxía.

O novo número, editado polo Café Bar Trece e Edizer SCP, será presentado, como é tradición, no Café Bar Trece, na Rúa de Santa Clara en Santiago, logo das 21h. e contará coa presenza do autor, comigo mesmo en calidade de editor tabernario, e dalgúns artistas convidados.

O relato está xa ao voso dispor en Calameo, a través do blog do Lapis do Taberneiro, onde podedes obter máis información e os enlaces aos números xa publicados. Simultáneamente será presentada a segunda edición do Acantinado, o primeiro número da colección asinado por min, esgotado no primeiro mes e con máis de nove mil lecturas na rede. Tanto esta segunda edición como o novo número de Carlos Meixide poderanse mercar a bo prezo no propio Café Bar Trece desde o día da presentación.

Trece Xogos

Le a novela en Calaméo

Le a novela en Calaméo

Retomo o fío grenlandés despois dun longo retiro literario en Lusitania, para anunciar o segundo número da colección de literatura máis tabernaria da Galiza, o Lápis do Taberneiro, coeditada polo Café Bar Trece e a Editorial Danú. A colección, que tiven a honra de inaugurar coa micronovela Acantinado, ofrécenos na segunda entrega un pequeno thriller tecido entre cartas, dados e gin tonics nunha tasca incerta, de título Trece Xogos e asinado por un autor inédito, Mingolo Alborés.

Foi el o primeiro en recoller o testigo do primeiro número redactando esta historia apaixonante ao calor do fume e o viño, onde o crime e o amor se deixan ir nas volutas do azar. Premendo na imaxe podedes acceder á versión en rede.

A presentación está prevista para o vindeiro Xoves, 1 de Outubro, no Café Bar Trece, na Rúa de Santa Clara, en Santiago DC. Para os máis curiosos, a colección conta xa co seu propio blog, onde podedes descubrir toda a información pertinente sobre o Lápis do Taberneiro e algunhas novas sobre as próximas entregas.

Como é costume, a novela venderase no Café Bar Trece a prezo reducido. Os responsábeis da colección estudan xa a reedición do primeiro número, xa esgotado, que continúa accesíbel na rede.

Iniciando

Como ávido leitor do Capitán Trueno, apaixonado por Sigrid, raíña do utópico e xeado reino de Thule, sempre sentín unha veneración especial polos países escandinavos. Hai uns días lin na prensa imperial que a algunha produtora infame lle pasou pola cabeza a idea de facer un filme sobre o Capitán e ofrecerlle o papel da súa amada ártica a Elsa Pataky. Por cousas destas decidín abrir o meu propio caderno na rede e comezar a publicar textos e outras creacións persoais en copiceibe. Chameille ao invento Grøenlandia, título que xa de por si fala verbo das miñas xélidas intencións. Ora ben.

A Grøenlandia, como a Galiza, quédalle pouco tempo por causa do cambio climático e o quecemento global do planeta. É tamén un país colonizado por linguas comúns e estados monárquicos en réxime autonómico, aínda que o tamaño dos paises colonizadores e colonizados é inversamente proporcional en cada caso e Grøenlandia conta xa con estatuto de estado libre asociado. A historia de Grøenlandia é o relato da subsistencia baixo as extremas condicións de vida no clima polar, coma o relato da subsistencia baixo as extremas condicións de vida no clima atlántico é con certeza a historia de Galiza. O índice de suicidios e as cotas de alcholismo son tamén parellas en ambos os dous países. En fin, que razóns que me asistan non me faltan para intitular o meu caderno de xeito tan glacial.

Así que nada, en canto destrúen os últimos mitos do heroísmo libertario con vulgares atentados cinematográficos, aquí tendes o meu caderno escrito en todas as normas e perversións posíbeis do galaico-portugués, esa lingua extraordinaria, onde poderedes, se vos presta, coñecer o meu modesto universo literario e creativo e se cadra contactarme para que vos vaia largar un par de monólogos e unha duzia de poemas na vosa taberna, sala ou asociación cultural. Benvidos e benvidas a Grøenlandia, o lugar no que a ironía se serve fría.