O Regreso de Finlandia

Ai Finlandia, o teu vodka!

Por petición popular e co ánimo calidamente escandinavo dos actores, regresa Finlandia, a peza de teatro civil levada ao palco polo TBO, Teatro Biodegradábel de Ohio, compañía na que teño a honra de servir. Será a vindeira semana na Sala Nasa, os días 15, 16, e 17 de Maio. Através do blog do espectáculo podedes consultar horarios, ler críticas, ver fotos e vídeos e facer reservas, que ben nos ha de contentar.

Finlandia, protagonizada por cidadáns de variada experiencia no palco, é un cruce entre o teatro do absurdo e o simbolismo popular, tal vez un xeito de esclarecer os solpores xeados da nosa identidade, sexa iso o que for, que tampouco é cousa tan clara como a neve.

As tres derradeiras funcións nas que espero contar coa presenza dos que ficastes sen vela ou dos que teñades a ben repetir. Alí vos esperamos, dispostos a facer agromar algunhas risas e se cadra algunha lágrima por conta da realidade nacional finlandesa, tan azoutada por decretos lingüicidas e confusións bancarias. Unha alegoría como calquera outra diso mesmo que nos pasa.

Advertisements

Cita en Finlandia

Ai Finlandia, o teu mar!

Ai Finlandia, o teu mar!

Váiseme cumprir un soño a vindeira semana coa estrea de Finlandia, un proxecto no que levo anos a cismar e que grazas ao Teatro Biodegradábel de Ohio, compañía teatral ilegal e imaxinaria, é xa unha realidade, con todas as prevencións que a tal palabra require. Vaia por diante o meu agradecemento e admiración a toda a xente que se apuntou a participar na aventura e que deu digno formato colectivo aos meus delirios escandinavos.

Dado o seu carácter biodegradábel, a peza será representada en dúas funcións únicas que terán lugar na Sala Nasa os días 19 e 20 de Maio, ficando o futuro aberto a calquera reincidencia non prevista. Finlandia é un cruzamento entre o teatro do absurdo e o simbolismo popular, e se cadra tamén un xeito de esclarecer os solpores xeados da nosa identidade, sexa iso o que for, que tampouco é cousa tan clara como a neve. En calquera caso, unha alegoría sobre Galiza e os desafíos que culturas indíxenas como a nosa deben afrontar na época global, ameazadas pola extinción e o sometemento a un mundo monolítico onde calquera diferenza é interpretada como potencial ameaza terrorista. Ben saben isto na Sala Nasa, ameazada nos últimos tempos por patéticos furacáns reaccionarios procedentes da estepa rusa.

Finlandia é un experimento de teatro civil producido e interpretado por un grupo de cidadáns, de variábel experiencia no palco, no que se quere reivindicar o teatro como ferramenta expresiva de toda a sociedade. Dúas mestras, dous xornalistas, un historiador, tres restauradores, un taberneiro, unha estudante, un actor, unha bibliotecaria, un deseñador gráfico, un técnico de luz, un educador social, un fotógrafo, varios pescadores, un escritor, e outras persoas de variados oficios, coa colaboración desinteresada de distintos colectivos, participan desta aventura inconformista e escandinava onde o único imposíbel é que a neve deixe de ser branca e comece a cheirar a chocolate.

O aforo é limitado mais as entradas xa se poden reservar a través da billeteira virtual da Nasa. Será unha honra partillar este soño convosco, así que alí agardamos por quen queira acompañarnos nesta fermosa aventura.