Iniciando

Como ávido leitor do Capitán Trueno, apaixonado por Sigrid, raíña do utópico e xeado reino de Thule, sempre sentín unha veneración especial polos países escandinavos. Hai uns días lin na prensa imperial que a algunha produtora infame lle pasou pola cabeza a idea de facer un filme sobre o Capitán e ofrecerlle o papel da súa amada ártica a Elsa Pataky. Por cousas destas decidín abrir o meu propio caderno na rede e comezar a publicar textos e outras creacións persoais en copiceibe. Chameille ao invento Grøenlandia, título que xa de por si fala verbo das miñas xélidas intencións. Ora ben.

A Grøenlandia, como a Galiza, quédalle pouco tempo por causa do cambio climático e o quecemento global do planeta. É tamén un país colonizado por linguas comúns e estados monárquicos en réxime autonómico, aínda que o tamaño dos paises colonizadores e colonizados é inversamente proporcional en cada caso e Grøenlandia conta xa con estatuto de estado libre asociado. A historia de Grøenlandia é o relato da subsistencia baixo as extremas condicións de vida no clima polar, coma o relato da subsistencia baixo as extremas condicións de vida no clima atlántico é con certeza a historia de Galiza. O índice de suicidios e as cotas de alcholismo son tamén parellas en ambos os dous países. En fin, que razóns que me asistan non me faltan para intitular o meu caderno de xeito tan glacial.

Así que nada, en canto destrúen os últimos mitos do heroísmo libertario con vulgares atentados cinematográficos, aquí tendes o meu caderno escrito en todas as normas e perversións posíbeis do galaico-portugués, esa lingua extraordinaria, onde poderedes, se vos presta, coñecer o meu modesto universo literario e creativo e se cadra contactarme para que vos vaia largar un par de monólogos e unha duzia de poemas na vosa taberna, sala ou asociación cultural. Benvidos e benvidas a Grøenlandia, o lugar no que a ironía se serve fría.

Advertisements