Trece Xogos

Le a novela en Calaméo

Le a novela en Calaméo

Retomo o fío grenlandés despois dun longo retiro literario en Lusitania, para anunciar o segundo número da colección de literatura máis tabernaria da Galiza, o Lápis do Taberneiro, coeditada polo Café Bar Trece e a Editorial Danú. A colección, que tiven a honra de inaugurar coa micronovela Acantinado, ofrécenos na segunda entrega un pequeno thriller tecido entre cartas, dados e gin tonics nunha tasca incerta, de título Trece Xogos e asinado por un autor inédito, Mingolo Alborés.

Foi el o primeiro en recoller o testigo do primeiro número redactando esta historia apaixonante ao calor do fume e o viño, onde o crime e o amor se deixan ir nas volutas do azar. Premendo na imaxe podedes acceder á versión en rede.

A presentación está prevista para o vindeiro Xoves, 1 de Outubro, no Café Bar Trece, na Rúa de Santa Clara, en Santiago DC. Para os máis curiosos, a colección conta xa co seu propio blog, onde podedes descubrir toda a información pertinente sobre o Lápis do Taberneiro e algunhas novas sobre as próximas entregas.

Como é costume, a novela venderase no Café Bar Trece a prezo reducido. Os responsábeis da colección estudan xa a reedición do primeiro número, xa esgotado, que continúa accesíbel na rede.

Advertisements

O Lapis do Taberneiro

Versión en rede en Calameó

Versión en rede en Calameó

Estamos de parto literario. O Café Bar 13 de Santiago e a Editorial Danu poñen a andar o Lapis do Taberneiro, unha colección de literatura tabernaria que ten por lema “relatos de taberna para ler na taberna”. Hónrome de abrir a colección no seu primeiro número, unha novela brevísima escrita nun canto do Café Bar 13 durante varios meses e que ten por título Acantinado. Acantinado é o relato dos acontecementos que teñen lugar nunha taberna realizado por un cliente habitual a quen lle ofrecen un caderno e un lapis e lle outorgan o papel de cronista oficioso do local sen comelo nin bebelo. Acantinado durante días nun canto da taberna, e acompañado en todo momento por unha copa de albariño, o cronista aplícase ao seu propósito de narrar o que acontece até completar a última páxina en branco.

O Lapis do Taberneiro inicia así a súa andaina, propoñendo o reencontro entre a literatura e a taberna, e reivindicando a filosofía editorial do “copia, pega, inventa, faino ti mesmo”. Todos os libros que se veñan a editar na colección terán a particularidade de estaren escritos e editados nunha taberna ou recinto semellante, seren edicións de peto en formato de oito por trece e non teren máis de noventa e seis páxinas, de maneira a poderen ser lidos en a penas dous viños e medio.

Venderase a prezo reducido na taberna editora e contará con distribución nas librarías. Tamén está xa a disposición unha versión en rede, como podedes comprobar se premedes na imaxe.

O libro será presentado o vindeiro Xoves 29 de xaneiro, ás 21h, en Santiago D.C. no propio Café Bar Trece, situado na Rúa de Santa Clara nº 13, contando coa intervención do autor, eu mesmo, e outros camaradas de angueiras escénicas e culturais. Quedades convidados á festa, se vos presta. Cando menos o viño non será malo, e se cadra algún dos chistes tampouco. Alí vos espero.