O Vampiro de Santa Clara

Relato publicado na revista das Festas do Espírito Santo, pola Asociación de Veciños As Marías. Setembro 2008. Santiago de Compostela

Rula polo barrio, xa de moitos anos para acá, un vampiro máis afeccionado ao viño que ao sangue, moi amigo de chantar os caninos no xamón antes que nun pescozo e gran falador, que a estirpe maldita do musabello é de boa lei e sábevos todo sobre as artes de vivir, ben que no seu caso, é de ver, as tales artes sonvos principalmente as de vivir morrendo e as de morrer vivindo. Aí no Trece xa lle teño escoitado eu algunha conversa de coidado sobre a mala calidade actual do sangue adolescente, que ao que parece vén sempre moi licuada de botellón, bebida que o guicho anoxa case tanto coma os allos

– oes Josinho, nom lhe botes alho às lentelhas que logo nom durmo

O Alexander, nome polo que atende o lambirón, conta cando lle peta que é vampiro bielorruso, porque os seus devanceiros proceden do principado de Pólatsk, onde ostentaron durante séculos un condado outorgado polo Gran Duque Mindaugas no tempo das invasións dos cruzados bálticos. Iso, ben se adiviña, leuno todo no Google, porque á parte do viño, a leria e o xamón, ao Alexander prívanlle moito a internet e as novas tecnoloxías, e, por outra banda, non hai por que enganarse, o da orixe bielorrusa ten máis de conto chinés que de lenda eslava.

Unha das súa vítimas máis recentes, unha rapaza de Ultreia que baixaba soa o martes pasado por Espírito Santo despois da media noite, ofreceulle un Ipod en troques de deixala vivir. O Alexander só lle chuchou media medida de sangue, porque andaba sedento de varios días, e aceptou a troca. Deixou á rapaza medio aparvada xunto da fonte e foi tomarlle un viño ao Leis, ledo coma un morcego co seu novo e moderno brinquedo. O Ventura, o dono do Leis, andaba xa a fregar o chan e así que o viu entrar voando arreoulle un pao coa fregona por lle enzoufar o local co sangue da rapaza que aínda lle pingaba da boca. Nin o viño lle puxo, e o espertello boiou medio alelado para a rúa, a chocar con todas as farolas, tan desorientado lle deixou o radar o fregonazo. Agora pasa o día no cadaleito cos cascos postos a escoitar cancións de Lou Reed ou a Obertura 1812 de Tchaikowski. Polo visto a carga da cabalería rusa ponlle as pilas cando anda deprimido e as cancións de Lou Reed axúdanlle a combater o insomnio e a aprender inglés a un tempo.

Di o Canario, o da barbería, que o caixón o ten no soto do convento de Santa Clara e que ás monxas non lles importa, que a compaña que dá o demo non a dá deus ou viceversa, xa nin lembro como era o conto. O Canario faille sempre ao Alexander un apaño no corte de cabelo para encubrirlle as entradas e engómalle as canas con Just for Men, para que as mozas que vai morder non lle cachen a idade de primeiras.

– Iso do caixón díxomo un día que veu cortar o pelo. Vén sempre no inverno, porque no verán cae a noite máis tarde e xa estamos pechados.

Seica o Alexander non chucha no convento porque as monxas son poucas e tampouco é cousa de deixar a congregación a dúas velas. As monxas téñenlle a cova limpa e desinfectada e o único que as amola é que ande a ouvear polas chemineas nas noites de luar. Non porque as chemineas podan sufrir dano, senón porque o ouveo non as deixa durmir. O chuchón, cando lle dá por armarse en lobishome no tellado de Santa Clara, ouvea mellor polo agudo que polo grave e por iso, cando o plenilunio, non hai quen concilie o sono como é debido entre a Almáciga e San Roque. Penso eu que o fai a posta, por marcar paquete de animalia sobrenatural.

Ao Alexander alcúmano os veciños de Conde Crápula, só por aquela de se meteren con el, que despois de tantos anos toda a xente lle ten estima e aínda os da asociación veciñal andan a pensar en pedirlle unha subvención ao alcalde polo atractivo turístico de ser barrio vampiresco.

– Buscastes ao Bughallo! Non vos arreghla as aceras e vaivos dar cartos por un vampiro.

O certo é que vivir cunha samesuga a roldar polo barrio tampouco é doado, máis que nada polas vítimas. Xa non é a primeira que hai que levar en taxi ao clínico a que lle fagan unha transfusión. Mais o Alexander é veciño ben disposto, de trato aristocrático e feitío sociábel, e quen máis e quen menos toléralle as arroutadas sanguinarias con ánimo ecuánime.

– Cada quen é como é e iso hai que respeitalo. Ademais, niso de chupar sangue, vale máis que te chuche un vampiro e non a Xunta, que polo menos así sabes a quen lle aproveita.

Non obstante, malia o espírito comprensivo do común dos veciños, non toda a xente está convencida da condición nosferática do Alexander e ás veces, nas tascas de Basquiños, suscítanse enconadas discusións sobre o asunto entre a clientela máis teimuda.

– Pero tío, que dis? Se os vampiros non existen!

A el tanto lle ten o debate

– Olha Santiago, já bem devo levar eu, assim polo baixo, quase setecentos anos de vampiro, já vivim o feudalismo lituano e mais o comunismo ruso, e o que pense a gente nos bares importa-me un caralho. Que o mesmo vinho non lhe acae igual a todo o mundo e o pontinho de cada quem mellor que um nom o sabe ninguém.

Ultimamente o guicho meteuse nun curso de pandeireta no Pichel e anda chufándose por aí de reintegrata de primeira hora, porque unha vez nos setenta foi ás aulas de Carvalho Calero a zugar estudantes de filoloxía.

– as chavalas com estudos universitários tenhem o sangue mais frio, que é como mais presta sendo bielorruso como eu som. Já o vampiro rumano gosta dos leucócitos mais cálidos, pôrque é mais latino, mais do sul, nom sabes?

É todo a mesma treta, o do reintegracionismo e o do curso, que o de tocar a pandeireta tampouco lle deu por afección musical. Xa me diredes vós, se o sabedes, onde se viu algunha vez un vampiro con gosto de repeniques e muiñeiras. A argallada vén máis porque no curso se lle pon a dente moito pescozo feminino e o tipo está encantado. Non é que os pescozos masculinos non lle chisten, que na cuestión nutritiva non fai distingos, pero dis que os pescozos femininos lémbranlle a carne de boi que servían nunha taberna de Minsk, a capital de Belarús, unha carne moi tenra e gorentosa, pouco feita, e que morder mulleres tráelle esas saudades bovinas.

Éche así o individuo, o Alexander, un vampiro lambón e bielorruso, un vampiro de barrio, o vampiro de Santa Clara. Eu conto o caso por ben, pero se non o credes, que deus vos colla confesados, que a el o que pensedes vós, xa queda dito, impórtalle un carallo e calquera día destes aínda vos chanta o cairo nunha esquina e non hai escepticismo que vos libre dunha transfusión no clínico.

– diz que sim, Santiago, que quanto mais céptica é a mente mais rubicundo é o sangue. Traz-me outro vinho, Josinho, que morro com a sede!

2 reflexións sobre “O Vampiro de Santa Clara

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s