O Paxaro Mecánico

O Paxaro Mecánico é un proxecto inédito de poemario sonoro, con raíces musicais no rock, o hip hop e o pop.  Algúns dos poemas foron presentados no programa de novas linguaxes poéticas Translittera, na Fundación Otero Pedrayo, Trasalba, e na Fundación Fernández Flórez, Cecebre, en Novembro de 2005.

Creative Commons License

Deixo aquí publicados de momento algúns textos á espera dalgunha mostra dispoñíbel da primeira maqueta en audio.

usar e tirar
Observar nos parques
os movementos excéntricos da xente distante,
un instante, unha carreira, unha perda irreparábel,
unha secuencia desordenada de realidade,
unha salva,
unha matriz esgazada,
unha cousa xunto da outra e logo
disparar, atinxir, verificar, violentar os obxectos circundantes,
morder o po e desprezar as calorías de máis,
erguerse cedo para ollar pola xanela,
atreverse a morrer sen avisar a ninguén,
ducharse en auga salgada,
en liortas, desenfreos,
ter orgasmos inusuais nos invernadoiros,
depor as armas, todo iso fai parte da rutina,
da extorsión gastroduodenal á que nos somete a radiación ambiental,
por iso son un alien,
un asasino,
un diletante de extrema esquerda que vomita todo o que pensa
con palabras inconexas,
son libre e non estou conforme,
coñezo a miña sorte,
ter a vontade da pedrafita,
fincada na terra contra o vento, a historia e o turismo rural.
Tal vez ti non me entendas
pero iso é só porque non queres
ou non che deixan,
atende,
eu non comercio cos meus sentimentos
pero vendo baratos os meus pensamentos,
estou contento de estar aquí,
nesta utopía tropical,
nesta país caótico e ultralixeiro que todos temos na cabeza,
a vida é o abismo onde ten lugar a miña pantomima,
eu son el e ti es el e ti es eu e todos somos todas.
Podes facelo comigo se queres.
Simplemente lembra que son un poeta de usar e tirar.

a cama da Carla
Por que cando rompes ao medio un poema nunca trae premio?
escoita, un rumor baixo o teu lobo esquerdo
–aquela noite: a nosa economía sexual-
e por iso non podía escribir,
un oficio privilexiado,
heroína, visións e infartos de miocardio,
non souben procurar as alturas extraordinarias,
tiña débedas, unha estraña fotografía de Björk na carteira
era indigno de nós que o amor fose unha táboa de wind-surf?
demasiados anacos, estelas e faíscas,
unha explosión aristotélica,
non reaccionar,
o destino das túas meixelas,
África,
obviamente non o que se sente senón o que está desprazado,
persoas dinamitadas no meu lugar,
ese medo terríbel a ser excluído da lista,
himnos, revolucións, un culpábel,
aquel exilio nas xanelas interiores da túa morada
-dame un beixo-
a miña ansiedade chega
cando o mundo non resoa en estéreo,
a maldición dos paxaros mecánicos,
de compras no Lidl,
por favor,
tardes sen ti
en Parede, Cascais, Lisboa, Grándola, Portimão, Faro, Tondela, Porto,
meu aniversario en Coimbra,
quería asfaltar as túas coxas con nata,
vou por outro Ballantine´s e volvo a pensar en ti,
lembrabas a miña cara, non é certo?
primitiva coma un nome ou unha derrota,
si, as faíscas do amor nas mans da Microsoft Corporation,
botábate de menos pero non entendías a expresión,
o meu corpo era unha mentira,
até nun artigo do Público sobre Timor Leste,
non eran cartas tráxicas en absoluto,
a relación de iure entre a intelixencia e non ser ninguén,
Nietzsche,
as lavercas nas proféticas esqueiras da mañá,
que menina bonita,
un xeito pornográfico de comprender a nada,
déixame entrar, boba,
nunca posuín esa linguaxe,
-aquela noite, balbucires-
a koiné ibérica do amor,
mordendo a polpa da maçã.

praceres solitarios
quero deitar segredos no teu corpo,
escribir a violencia transparente do amor,
producir loitos e transgresións, ser teu fillo
sorprender o mar tras a túa queixa, levitar
comer camaróns nos teus ollos
aprofundar nas chagas dos teus labios
ser consolado polo universo, matar un boi
inocular a febre nun anxo, calar, ir ao Leste
dividirme en anatemas, pensar por desertos
roubarche as células da pel e vendelas
loitar por ti e contra ti, esvaecer
saborear un cataclismo, tinxirme de ferro
honrar o teu corazón, limpalo de profecías,
abrir unha clareeira no meu peito
e durmir

sen título
unha noite de Novembro,
unha ausencia de aeroplanos,
un océano sen áncoras,
unha violencia feliz.

presente
obstinado na túa sombra,
insensíbel,
fatigado por túmulos e rúas baleiras,
só te coñezo cando os meus ollos se fechan para ti,
entón a virtude do sangue descúbreme,
nervioso, asustado, demasiado libre,
e os cans,
presentindo o meu medo,
ladran afoutos e ridículos.
Todas as miñas fobias nacen así.
Mais o amor é o peor dos remorsos.
De nada serven pálpebras e gaiolas
cando a tormenta varre o mercado,
a penas a vida é real até o límite do desexo.
Alén desa fenda, o ceo muda de cor e a carne de ecosistema.
Nada se garda. Todo é sorpresa.

Por causa dunha pésima educación,
somente as flores teñen privilexios.

hamletmachine
proba de máquina de escribir
pouca tinta
tacto duro
o fantasma do meu pai morto é ilexíbel
aprendo a respirar
non obstante
porque a máquina é a miña herdanza

non
Non é amor.
E só o meu orgullo mesopotámico.
Existe nos meus ollos unha forza gravitatoria,
un don divino,
unha dor que se promete facilmente.
Ela sentiu. Ela coñeceu o meu furor.
Pero esterilizou o seu ventre para impor o sentido da órbita.
Vaite. Isto que sinto non é amor.
Instinto animal, catalepsia, vivisección.
Aboiar entre dúas augas.
Lonxe de todos os roscóns de Pascua.
Amar non pode ser este interrogatorio.
Non obstante hai métodos que funcionan.
Aprender inglés, simular unha catástrofe,
deitarse con mulleres asiáticas.
A miña conciencia non ten nada que obxectar.
Non sei nada da vida.
Non sei tocar o acordeón.
Non sei por que.
Sálvate de min. Sempre quixen ser policía.
É recomendábel durmir dúas horas cada catro,
ou catro horas cada oito.
Admirábel.
Pero tamén hai quen monta obras de teatro
a partir dun paquete de Camel.
Repercusións?
Ela afirmou ser capaz de matar a alguén.
Aínda non sabe que eu son translúcido.
Ah si, ela traballa co seu corpo, co seu léxico ilimitado.
Pero iso tampouco é amor,
só enerxía, electricidade estática.
O pelo que fica no peite.
Complicado?
A ideoloxía é sempre invisíbel.
Na súa cabeza como na miña, outras cabezas.
As traizóns da garganta non importan.
O noso sexo sen estilo, sen concepto do mundo,
é o que delata a verdade.
Nada de amor,
a penas multas absurdas nas áreas de descanso.
Despois dunha queixa intelixente é necesario pagar a conta e máis nada.
Tes frio? Iso é amor. Pero tampouco.
O sabor dos cisnes asados é noxento e por tanto
son incapaz de escribir poemas que coticen en bolsa.
Ademais, ela é alemá, ostrogoda, merovinxia.
Nestas circunstancias,
a perda de líquido sinovial semella a única posibilidade.
Porque as cousas pesan e caen nos meus ollos.
Así e todo, ela ofréceme unha risa escandalosa por teléfono
e eu teño que espremer as laranxas.
Hoxe é o seu presente.
Unha lista de lugares:
Calcuta, Bologna, Lampai, Irkust.
Novas rutas para Mijail Strogoff.
Examino todo o cinismo contido nos embigos.
Matar a alguén é un acto socialmente importante.
Tal vez cando o ceo despexe, digo para min.
Cando pensas o que vai pasar nunca pasa o que pensas.
Pero se non o pensas non o pasas ben.
Isto achégase máis, é case o amor.
Claro que as preguntas aínda nos asaltan.
En que parte do cerebro se localiza a memoria?
Fago preguntas
porque teño problemas para amar persoas operadas das amígdalas,
porque as novas superficies comerciais e a liberdade sexual
non parecen compatíbeis.
Isto ten que acabar.
Entón ela chama de novo e di que me quere.
Será isto o amor ou simplemente o concepto de límite?

a complicadísima imaxe de Andrea
Interesado en amarte,
dualismo
Ou ben aínda, flor polinizada da marihuana
Sexo tántrico no teu apartamento da Weckenstrasse
Bicicletas
Café, birras e tabaco no Kiosko da esquina
Zwei Brotchen
Grilandas no teu cabelo,
With your long blond hair and your eyes of green
Mordíasme
Porque non se pode ter un corpo perfecto con trinta e dous anos
Pero si
Degoar cada instante de luz, de paixón, de transcendencia boreal
E ti
Non reflictes, claro,
A complicadísima imaxe de Andrea.
Esa clase de ser que nunca é o que debería
Senón balea branca
Hadaly
Levadura
Furna de pedra asonada polo mar
Tesouro andróxino
E tránsito
Os tenros arpóns do teu peito
Feríndote nos orgasmos
Algo máis universal aínda
Fóra do tempo histórico, da sociedade imbécil,
Fóra do Home e das súas lagoas xeadas
Siegfried vingado por Brunild
Interminábel leitura do Fausto
Alegría, alegría
Canto tempo serei capaz de ficar así,
deitado na túa fonda espesura?
-Isto non resulta demasiado dadaísta-
Celebra unha festa dentro de min
Convida a todos os que o merezan
Axúdame a recoller a casa despois da bronca
E déixame en paz
Quero dicir
Arrasa o meu corazón
Todo porque eu non domino a etimoloxía
Non me ocupo da poesía provenzal
Nin do soneto italiano
E abúrrenme todos eses:
Os candidatos, os poetas sionistas
Os heroes cincentos polos que seica deberiamos votar
Eses. Non outros.

odisseia
aventura dun home no mar
aventura dun nome nun mar de palabras
aventura dun prohome no mar
aventura dun pronome nun mar de frases
aventura dun superhome no mar
aventura dun sobrenome nun mar de parágrafos

carmen
na praia sobrenatural
aprendendo a única lingua viva
que ecoa
nas pequenas buguinas do teu cabelo roxo
un profundo rumor de martelos
no meu músculo máis primitivo

preso en cada beixo
sentir
que todo no ceo é mar
e decorado do meu rostro na túa retina
porque eu creo no teu sexo
nos cangrexos
na revolución das algas
e podo penetrar o teu corpo submarino
con toda a dozura da area
a esvarar das miñas mans

fica
canda min
dese xeito

sen título
en fin,
está escrito
está perdido por aí
dando voltas a un estadio universitario
estar fodido non é bo,
o típico pensamento aborixe
falar coma un marulo é o que che ten
que dis as cousas dalgunha maneira
e máis ou menos
vaste centrando no tema
tomando apuntamentos cos ollos e coas orellas
e logo
deixando que o proletariado faga o que teña que facer
hai algo en Manuel Antonio que non me convence
non sei onde deixou o revólver
ou tal vez é
porque non puido escoitar a tempo os discos dos Beatles
tiñan o jazz, os cafés cantantes
a batería e o acordeón
vieiros anarquistas entre Galiza e América
que sei eu
poemas de fragatas e paquebotes
aínda así, escribir é algo que se fai mentres non chega a festa

a festa é a revolución
un experimento
recortar cartolinas e mudarlle a letra a todas as cancións
algo que te pilla un pouco vello
cos pulmóns cansados
e os bronquios afeitos ao haxix

ás veces
sinto que decidín un suicidio lento
e iso incomódame
róubame a frescura

ter praceres literarios nunha explanada en Alfama
no Largo de Dom Carlos
mentres algúns mariñeiros rusos procuran pensión

ver unha peli

ir pasear á Alameda

imaxinar o sorriso de Pasolini
antes de que o matasen
un sorriso sexual
etéreo
a sorriso dos que se deixan masturbar polas aguias e os falcóns

pero todo iso
é simple narcotráfico
especulación na marxe

agora, coma sempre
son pobre
neurótico
un individuo paradigmático

claro que
as drogas fracasan
e non hai terapia
se acaso os teus ollos algunha vez
cando ficas durmida
e de súpeto
decátome do moito que te quero
aínda que non serva
porque xa o decidín,
ir morrendo
algo do que non todo o mundo é capaz

chega

terminal
a anárquica delección individual
eis
un momento de verdade

alén da carraxe,
da ira ou da xenreira

máis aló

un ollar espido e curioso

biquémonos
fodamos a eito
oscilemos no arame

cousas que se din para excitar a paixón
nun mesmo e nos outros
e que significan
todo o que lles compre significar

penso
despois de todos os algoritmos africanos
despois de todos os verbos violentos
despois de todas as catástrofes

e só consigo imaxinar
a felicidade
nun palleiro francés
onde ten lugar
a derradeira escena erótica da miña vida:
eu sempre soñei contigo
aínda que o teu corpo
nunca mo agradecese

iso é todo o que sinto:

a colleita de trigo nos ollos
a luz do sol nas arterias
e un poderoso émbolo
na raíz do meu ventre

– vasme pagar?

non levo cartos
non teño
por causa dun complexo psíquico anticapitalista

e iso fai de min exactamente o que quero

un experimento

duro, intelixente e sensíbel

que pasa?

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s