Biopsia

Carlos Santiago

Miña nai, que vidiña!

O noso home naceu en 1966 na moi ecuménica cidade de Santiago de Compostela despois de dez meses de residencia gratuita no claustro materno. No horóscopo babilónico é un cangrexo. No chinés, un cabalo. Por estas razóns estudou Filosofía, descubrindo no transo universitario as posibilidades dramáticas da Lóxica e a Metafísica.

En consecuencia, fundou unha banda afterpunk de nome Nicho Varullo xunto a outros vagamundos como os irmáns Pérez, Antonio e Fran, e Pepe Sendón, que se mantivo en activo entre 1988 e 1996 chegando a gravar un disco de cartón e innúmeras cintas de plástico.

En 1992 entrou a formar parte da compañía Chévere participando no parto e crianza da Nave de Servizos Artísicos –NASA-. Publica en 1996 un libro de poemas, Metalurxia, en Edicións Positivas, onde experimentou con distintos materiais poéticos coma o ferro, a novela negra ou a marihuana. Desenganado da escrita poética como vía revolucionaria cara á autodeterminación de si mesmo, foi no palco da Nasa e nas súas Ultranoites onde descubríu a contundencia da oralidade como método de acción directa.

Desde aquela é un habitual das noites de cabaret, nas que profire monólogos improcedentes sobre todo tipo de cuestións. Pódense citar títulos como O electrón encantado, Preguntas dun obreiro que le, A Puta Democracia ou Montando un Cristo, ou a serie de monólogos que teñen por protagonista a Froilán I, Futuro Rei da Galiza, como Mensaxe de Nadal ou o Plan Froilán de Todos os Santos, alternativa galaica ao Plan Ibarretxe concibida xunto a Expósito Alcocer.

É tamén nas Ultranoites onde nace unha das súas creacións máis perversas, a personaxe do Apóstolo Santiago, ser sobrenatural de extrema dereita, patrón e vixía da Unidade de Destino no Universal e conselleiro persoal de Manuel Fraga Iribarne, que percorre Galiza cando a ocasión o require evanxelizando aos galegos con rigor e severidade a través das súas Cartas Apostólicas.

Até 1997 formou parte tamén da Banda da Nasa, como letrista e cantante, e xa en 1998, funda con varios dos seus membros A Psicofónica de Conxo, regresando ao rock de raigame psicodélica. Coa Psicofónica grava dous discos, Psicópolis (2001) e Extramundi (2002) e percorre a península ibérica á procura dunha robaliza platónica.

En paralelo inicia a súa actividade como escritor, dramaturgo e encenador en Portugal. Da súa colaboración con Zé Rui Martins e o Trigo Limpo Teatro Acert, compañía teatral de Tondela, nacen entre outras, pezas como Au Gaciar, viagem teatral ao Fin do Mundo (1999), Abraço de Ferro (2002) ou Mamã Lusitânia (2004), participando tamén xunto ao resto da Psicofónica no proxecto da mesma compañía portuguesa, Memoriar, máquina teatral presente no evento diario da Expo 98 de Lisboa “Peregrinação”, con produción do Teatro O Bando, e na Expo 2000 de Hannover.

Co GTN da Universidade Nova de Lisboa escribe e dirixe a traxicomedia Ascensão e Queda de Zé Grotewski no 2001 e no mesmo ano, co Teatro A Barraca, o espectáculo infantil Nós temos os pés grandes porque somos muito altas, con dirección de María do Céu Guerra e música do Maestro Vitorino de Almeida.

Na Galiza asina pezas como Drácula (2001), espectáculo de marionetas para Trompicallo, ou Ratman e Bobyn (2002) para Bacana Producións, da que tamén é autor da banda sonora xunto a Pepe Sendón. Escribe con Manolo Cortés, Xesús Ron e Paula Carballeira o serial de teatro radiofónico Radio Universo (2002), emitido por Radio Noroeste dentro da Semana de Teatro Alternativo da Nasa, no que tamén participa como intérprete. No 2003 bótase á estrada como dramaturgo e director en Sidecar, da Compañía Belmondo e estrea en Pontevedra o seu primeiro espectáculo en solitario, Monólogos Finlandeses, baixo o lema “Un home, un micro”. Tamén colabora como guionista en programas de radio e televisión como Apaga a Luz, de Atlantis Producións ou nos espectáculos de Mofa e Befa, Finis Mundi Circus e Cultura Para dar e Tomar.

No 2003, tras a catástrofe do Prestige, entra a formar parte do colectivo Burla Negra, onde se implica como activista cultural en numerosos proxectos, coma o libro disco Sempre Mar, A Carpa Voluntaria do País de Nunca Máis, o Foro Negro da Cultura ou o desenvolvemento da Rede de Acción Socio-Cultural Arredemo. No 2005 forma parte do equipo de produción e creación de Hai que Botalos e inicia o seu traballo como guionista en curtas como A Dúas Velas ou Microfundismos, de Quique Otero, ou A Casa, curtametraxe realizada en colaboración con Xabier Queipo. É autor de varios guións para longametraxe como Caixa Negra (Control Z 2008) ou Sempre en Schnell (2007) e documentais como O Labrego que inventou a Lúa (Control Z 2006), O Sexo dos Espellos (2007), producido por Lilith. En 2013, o guión para longametraxe “Ningún Deus aquí arriba”, ideado xunto con Enrique Otero, é un dos seis proxectos gañadores do primeiro Laboratorio de Escrita de Guións da Fundación Autor.

No 2004 estrea en Santiago Textículos, espectáculo pornopoético e portátil, retomando a vella vía da poesía oral nunha irónica arroutada de saudade e traballa na dirección artística do espectáculo musical colectivo Ao Pé da Letra, con artistas como Marful, Dios Ke Te Crew, Safari Orquestra, Guadi Galego, Guillermo Fernández, Narf ou Xabier Díaz. No 2005 participa tamén no proxecto sobre novas linguaxes poéticas Translittera, coordinado por Rafa Xaneiro e producido polo Consello da Cultura Galega e no 2006 é convidado no espectáculo Tentacular producido por Chévere para A Cultura Circula xunto a outros artistas como Pista 4, Paula Carballeira, Chiqui Pereira, Zenaida Alcaide, Carlos Meixide, Pepa Yáñez, Davide Salgado, Quico Cadaval, Bucanero ou Joseph Collard

No 2007 escribe e dirixe A Sega, para o espectáculo Pan da compañía Volta e Dálle e participa xa no 2008 na escrita colectiva de Periferia, xunto a Marta Freitas, Manolo Cortés e os actores da compañía luso-galega Voadora, Marta Pazos, Hugo Torres, José Díaz e Alfonso Castro, peza dirixida por Montse Triola.

No mesmo ano estrea en Viseu, Desacordos Ortográficos, un espectáculo no que un membro da Selección Nacional de Poetas da Galiza se interna pola súa conta en Portugal para competir na Liga de Campeões da Poesia Lusófona.

No 2009 estrea Finlandia, coa súa propia compañía alegal, o Teatro Biodegradável de Ohio, un proxecto enmarcado dentro do teatro civil con grande recepción entre público e crítica.

No 2010 dirixe para o Centro Dramático Galego, “Salomé” de Oscar Wilde, montaxe interpretada por María Mera, Pepe Penabade, María Salgueiro, Hugo Torres, Marcos Correa e Alberte Cabarcos, e no 2011 escribe e dirixe “O Vegetal“, para o Teatro Biodegradável de Ohio, coas actrices portuguesas Flora Miranda e Catia Lópes, proxecto encomendado pola Semana da Juventude de São João da Madeira.

Cando ten tempo escribe en revistas galegas e portuguesas como Animal, Número, Camaleão, Aguas Mil, na sección OFF (2000-2001) da Revista das Letras, ou en xornais como Novas da Galiza.

Como letrista, músico ou guionista colaborou durante estes longos e fructuosos anos con numerosos amigos e camaradas como a Compañía de María, Mofa e Befa, Teatro A Teia dos Açores, Paulo Borges, Ugia Pedreira, Túzaros, Quico Cadaval, Víctor Mosqueira, Paula Coelho, Gil Rodrigues, Raquel Relvas, Carla Torres, Pompeu José, Suso Alonso, Narf e outros seres extraordinarios que por aí flúen na Vía Láctea.

Na actualidade prepara a súa primeira novela, sospeitadamente un atentado contra os fundamentos xudeo-cristiáns da cultura galega e máis da portuguesa.

Advertisements