Isaac Díaz Pardo no Xornal Galicia

Imaxe de Pancho Lapeña

Morreu o Isaac Díaz Pardo, e a xeito de homenaxe déixovos a ligazón ao pdf do número cero do Xornal Galicia que en 2008 foi editado pola Rede de Acción Socio-Cultural Arredemo como parte das accións de apoio contra o seu afastamento da dirección de Sargadelos, episodio patético que ensombreceu os últimos anos do mestre. No número, creado e editado por moitos e moitas activistas galegas como homenaxe a súa inmensa figura, figura unha extensa entrevista co artista e emprendedor realizada por Sagra Quintela e Ana Triñanes nas oficinas do IGI, das que cedo sería expulsado. Na entrevista o Isaac repasa o proceso de creación do proxecto Sargadelos e a memoria dos seus máis estreitos colaboradores, especialmente de Luis Seoane, e desentraña as motivacións dunha xeración e un grupo de homes e mulleres que deberon afrontar a dura misión de transmitir o legado da república e do galeguismo histórico no tempo do fascismo. O tamaño de semellante empresa manifesta a dimensión transcendental da súa figura na historia do nosos país e na nosa conciencia como pobo.

Nun extracto,

– É incrible que puiderades facer tanto nun tempo tan escuro, por exemplo Ediciós do Castro…

– Fíxose! Non foi porque fósemos moi listos pero eramos un pouco zorros. Entón andabamos a xogar (risas). E como primeira cousa que fai Luis Seoane, como non pode matar os señoritos, fai un gravado do Meco. Quen o matou? Matámolo todos.  Dalgunha maneira, así foron as primeiras cousas que fixo Edicións do Castro.