Xenocidio Galego

O paraíso feixista

Nunca veu máis ao caso revisitar as estampas de Atila en Galiza, do Castelao. “Moitas veces os mártires crean mundos que os herois nin tansiquera son capaces de concebir. E na Miña Terra cumprirase a vontade dos mártires”. Parece que logo de setenta e catro anos, á espera de que a súa vontade se cumpra de vez, os mártires teñen no mínimo ocasión de reivindicar a súa memoria baixo o epígrafe que mellor lle acae ao seu suplicio: o xenocidio.

Así o entenderon desde a Arxentina, onde familiares das vítimas e diversos colectivos galegos van presentar querela este venres 30 de Abril, nun tribunal de Buenos Aires contra os crimes do franquismo, primeiro acto dunha campaña coa que os promotores da querela queren concienciar á opinión pública galega de que o sucedido a partir de Xullo de 1936 na nosa terra constituíu un auténtico xenocidio, contra o que nin sequera é posible argumentar, como noutras terras da península, fose inducido pola propia contenda, tendo en conta que aquí a guerra civil durou mes e medio e os fascistas déronse unha bacanal de pólvora e sangue á mantenta.

Os promotores da querela están apoiados por boa parte do tecido social e cultural arxentino e prevén a creación dunha Fundación contra a Impunidade, ao que parece en proceso de constitución. No documento que adxunto, e que andan a distribuír pola rede, dan noticia tamén dos primeiros actos públicos, tanto na Galiza como na propia Arxentina, que van acompañar os primeiros pasos da campaña.

O xenocido galego ante a xustiza arxentina.

A Leira Magnética no Atlántico

En cartaz

Despois da estrea no Dado Dadá, con completa satisfacción do autor pola electricidade cómplice do público, volve A Leira Magnética aos palcos nocturnos, desta volta nun dos locais clásicos do electromagnetismo oral e narrativo, o Pub Atlántico, sito na ilustre Fonte de San Miguel, onde en tempos adoitaban tomar pousada bohemios de verbo áxil como Francisco Añón ou Curros Enríquez.

Dentro da programación dos “Contos do Atlántico”, na que xa expuseron argumentos varios monstros sagrados da nosa escena narrativa como Celso Sanmartín, José Campanari, Paula Carballeira ou Quico Cadaval, ou a narradora uruguaia Soledad Felloza, tócame a honra  coa miña conferencia sobre física cuántica e identidade electromagnética, na que tentarei someter unha vez máis a actualidade a unha entretida radiografía por ver de lle catar as pulgas.

Iso mesmo

A lingua, a crise, o caciquismo endémico ou o Ano Santo Xacobeo, serán algúns dos fenómenos electromagnéticos analizados nesta disertación científica que apenas pretende deitar algunha luz sobre os profundos misterios da Leira Magnética, esa confusa entidade que semella estar na base da nosa xenética cultural.

Alí vos espero por tanto, mañã martes día 20 de Abril, a partir das dez, que non é tarde se o ánimo é bo, con esta escolma de monólogos apostólicos, económicos e galaicos.