A Leira Magnética

En cartaz

Canto son dous máis dous na lingua de Rosalía? Intercederá o Espírito Santo na solución da crise económica? Que fan os bancos cos nosos cartos? Quen logrou que o Papa veña a Santiago no Ano Santo? Cal é o sentido pexorativo da palabra “gallego”? Por que ofenderse é unha estupidez aldeá, cantonal e provinciana? Hai vida intelixente do outro lado do Túnel de Guadarrama? Onde fica El Desván de Los Monjes? E La Coruña? Por que sabemos quen é Belén Esteban? É Ourense a vangarda política de Europa? Cantos millóns de peregrinos gañarán o xubileu? Volverán os Rolling Stones actuar no Monte do Gozo? Por que o Rei de España non se xubilou aos sesenta e sete anos para dar exemplo? Isto arranxámolo entre todos ou deixamos que o arranxen os que o foderon? É Fraga inmortal ou só o parece? Cantos fantasmas viven nas urbanizacións abandonadas? Que fan os conselleiros no cuarto de baño? Excretar ou Decretar? Que foi de Carmiña Burana? En que se parecen os galegos, os negros, os xitanos e as mulleres aos cataláns? Que problema temos coas escaleiras mecánicas? Foi o asasinato de Kennedy unha trama galaica? Quen goberna en Galiza, Fofó ou Lucifer? Que xornal galego é a voz da verdade revelada?

Iso mesmo

E sobre todo, que pensa o Apóstolo Santiago de todo isto?

Estes e outros enigmas tal vez atopen resposta este Venres 19 no Dado Dadá, da man de Carlos Santiago e o seu novo espectáculo de monólogos apostólicos, económicos e galaicos, A Leira Magnética. Para todos os públicos capaces de aturalo. Ás 22 horas.