Louro & Lariño on the rocks

Funlle dar unha volta por Louro o outro dia. Tocaban no Muiño os Tanto Tem, banda da bisbarra especialista en versións dos clásicos seminais do rock and roll. O verán non foi moi bo, nin por alí nin por acolá. Os de Lariño argallaran o primeiro festival de rock do lugar no campo de fútbol, Asaghieiras Master Festival, con vinte bandas da zona, e deixaron aos Tanto Tem sen público que chegase para zoscarlle tres dos Who e dúas do Eric Clapton na cabesa. A eles, xa o declaran na súa divisa, tanto lles tiña, e tocaron igual durante dúas horas con pase extra ás catro da mañá. Non eran capaces de recoller e pregar a alma. O jitarrista marchaba para os Estados Unidos no día seguinte e aínda lle fervía o sangue.

Os de Lariño lograran un fito histórico só coa organización do evento, que os concellos de Muros e de Carnota colaborasen por primeira vez nun acto cultural. Todo un acontecemento, porque isto da cooperación interleiral é unha cousa que furrula fatal no país. Levamos o polipartidismo no xenoma e cada quen mira do seu sen mirar para a outra beira do río. Dime un colega de Lira que o que pasa é que cando goberna a dereita e nos machuca ninguén rechista, e cando goberna a esquerda, todo cristo se queixa e non hai dios que se poña de acordo en nada. Por iso a dereita acaba sempre volvendo. Á xente dálle igual que manden os señoritos e os caciques con tal de que a deixen en paz e non a obriguen a dicir o que pensa. Total, cando manda a esquerda, todos os que están no choio xunteiro queren ser tan señoritos e caciques coma os outros e vailles amolando máis cada día que a xente teime en dicir o que lle pasa pola cabeza. É o que se fala por aí, eu non me meto. Outro rapaz da parte de Ézaro, que parou no local a tomarlle unha birra sen alcohol, confesoume que el non estaba en contra de todas as piscifactorías porque algunha haber, había que facela. Eu retruqueille cun “e logo por que” sen moita convicción e el respondeu que non controlaba moito do tema pero que a costa está máis morta do que afirma o seu propio nome e algún tipo de movida hai que meter alí para que a vida cabalgue un pouco.

O Ajustín, o master do Muíño, se lle preguntas, cóntache a historia do local mentres che serve un par de ovos das jaliñas do Javecho con pan de broa, prato estrela do menú estival. El naceu alí mesmo, xunto á antiga roda de moer o millo, e despois de andar uns tempos a dar voltas pola galaxia, alí está de novo, a tratar de sobrevivir no mesmo lugar onde naceu, a servir tapas pola tarde e a picar a Rage against the Machine pola noite cando é de alporizar un pouco o jaliñeiro. Iso se non anda o Emilio polo local, que como é de Tal, tanto lle pode dar por unha sesión ultraelectrónica coma por un monográfico sobre os Led Zeppelin para axitar os corpos e as almas da concorrencia.

Di tamén o Ajustín que non hai xente, que en toda esta parte os da súa quinta ou palmaron ou marcharon para Canarias. Faltan homes e mulleres que movan as rodas dos muíños e fagan andar a cousa. Tamén máis nenos e nenas, que vivir alí xa case parece un exercicio de fe. Non por acaso en Louro montaron unha gasolineira hai anos sobre unha antiga ermida consagrada á Virxe e agora cando é de facer a procesión os congregados aproveitan para encher o depósito. Sincretismos galaicos.

Xa máis tarde pasei a tomarlle un cacharro polo Leiradal, o local do Pepe, no camiño do Faro de Lariño, un dos locais máis extraordinarios da Costa da Morte, que principia alí mesmo, ao pe do faro. Estaba cheo e non se paraba dentro e baixei logo até o campo de fútbol, onde estaban a tocar os Tu Puta Madre. Os nomes dos grupos da zona son todo un diagnóstico social: Tanto Tem, Tu Puta Madre, Desequilibrio Mental, Código Gamba, Radio Polonio, Trapos Sucios, Chotokoeu… non hai máis que dicir. Nin menos tampouco. Os rapaces danlle caña ao rock and roll coma lle deron toda a vida. Un dos Trapos Sucios, o Denís, a parte de tocar a jitarra tamén escribe un blog, onde non se corta en dicir que o lugar onde vive é un dos cen mellores sitios onde pode estar porque sabe que hai xente caralluda en todos os rincóns de Jalisia e non paga a pena amargarse. Os nomes dos grupos, ninguén se engane, agochan moito optimismo de dios na letra pequena.

Un vello roqueiro de Cee que fai submarinismo, catándome a traza, pilloume por banda na barra do concerto e deulle por me comentar que o furtivismo non hai quen o pare e que aos furtivos tampouco lle podes dicir nada vendo o que se ve nas altas esferas. A xente quere vivir mellor e por todas partes, desde a A Mariña até A Guarda, sácase moito marisco sen papeis seguindo os grandes exemplos das elites, que predican a lei e non pagan unha multa, amén de seren os destinatarios finais de case todo o marisco en circulación. Di o home que o das vieiras tóxicas lle parece pura anécdota e que a el toda a farsa lle cheira a axuste de contas entre negociantes. Xa levo media area e non me parece prudente entrar en debates. Doulle a razón, se cadra porque a ten.

Aí ás cinco e media da mañá comezou a entrar a borraxeira no campo e marchei para a cama.

Non se ve moita xente por alí, é verdade, nin por Lariño nin por Louro. A dureza do inverno entra moi adentro no corpo e o verán, se ven malo, tampouco deixa grandes alegrías. Todo o mundo fai chistes sobre a crise nas tabernas porque poucos tiñan noticia de que xa non a houbese. Setembro acaba. Os emigrantes retornan para Canarias ou os Estados Unidos e as bandas recollen jitarras e bateras até o próximo concerto, onde continuarán a promover o seu indómito optimismo con toda a mala hostia posíbel. Coma toda a vida. Puro rock and roll.

Advertisements

Unha reflexión sobre “Louro & Lariño on the rocks

  1. Pingback: Denís Lamela Martínez » Arquivos da Bitácora » Reflexións diversas

Deixar unha resposta

introduce os teu datos ou preme nunha das iconas:

Logotipo de WordPress.com

Estás a comentar desde a túa conta de WordPress.com. Sair / Cambiar )

Twitter picture

Estás a comentar desde a túa conta de Twitter. Sair / Cambiar )

Facebook photo

Estás a comentar desde a túa conta de Facebook. Sair / Cambiar )

Google+ photo

Estás a comentar desde a túa conta de Google+. Sair / Cambiar )

Conectando a %s