Apocalipse en Siberia
Días atrás, os científicos americanos celebraban a posta en andamento do acelerador de partículas europeo con agoiros apocalípticos. Corríase o risco, afirmaban, de que o invento provocase un furado negro en Suíza que absorvese de vez todo o planeta. En xeral, os científicos americanos profesan a fe calvinista e desconfían da temeridade europea e a súa consecuente manía de andar a perseguir a deus por todos os recunchos do universo, esa rede inconmensurábel de recunchos. En calquera caso, que a fin do mundo vaia ter lugar en Suíza é con certeza unha premonición arrepiante.
No rexurdir da guerra fría é agora a quenda dos científicos rusos. Veñen de descubrir estes un fenómeno inquietante no Mar Siberiano. Centos de chemineas entre os icebergs están a liberar na atmosfera toneladas de metano, o gas máis letal do globo terrestre. O gas procede dos fondos mariños do Ártico, onde se foi acumulando durante millóns de anos en depósitos inmensos a penas contidos pola capa de xeo permanente do casquete polar. Polo visto, o metano ascende en forma de burbullas xigantescas coma nos vellos filmes de ciencia ficción.
Os científicos rusos son pesimistas, porque tanto metano pode acelerar o cambio climático e provocar unha liberación masiva dos depósitos en espiral viciosa e irrefreábel. Toda unha nova ameaza para a especie humana. Como calquera persoa sensata, os científicos rusos non pensan que a fin do mundo poda ter lugar en Suíza, como sosteñen os seus colegas americanos. Para eles a apocalipse xa está en marcha e ten orixe no Mar de Laptev, nas plataformas árticas de Siberia.
Os rusos e os americanos nunca está de acordo na cousa escatolóxica. Teñen maneiras diferentes de pensar sobre a fin do mundo e a extinción da especie humana. Os americanos, dicíase na época clásica da guerra fría, nunca foron quen de comprender os misterios da alma rusa coma os rusos tampouco son capaces de asumiren o american way of life sen consecuencias tráxicas.
Conta tamén certa lenda urbana que os americanos, cando era da carreira espacial, gastaron millóns de dólares en inventar un bolígrafo capaz de escribir en gravidade cero, mentres os cosmonautas soviéticos usaban o lapis de toda a vida para rexistrar cálculos orbitais e describir fenómenos insólitos do espazo exterior. Os americanos gañaron a guerra fría, aínda non saben hoxe como nin por que, pero na carreira espacial a vitoria foi dos rusos, cando aínda eran soviéticos e se resistían a experimentar o american way of life con todo o armamento dispoñíbel.
Persoalmente coido que o gas metano é un axente da apocalipse máis verosímil que calquera furado negro suízo. Tal pensamento tampouco deixa de arrepiarme, porque o certo é que entre o do metano e o da desintegración alpina da materia parece que nos quedan catro telexornais e iso, como pouco, mete medo. Como diría Alfonso Sastre, manda truco, que porcallada de planeta!
Setembro 25, 2008 Publicado por grenlandia | Artigos | Actualidade, Ecoloxía, Guerra Fría, Metano, Siberia | Aínda non hai comentarios
Carlos Santiago
Escritor e artista galego-portugués. Partidario da independencia en todas as acepcións da palabra. Dramaturgo taciturno e irónico. Falabarato contratábel. Poetarra. Inimigo da lingua común e amigo das linguas extraordinarias, incluído o castrapo e o español internacional. Políticamente insurrecto. Grøenlandia é o seu caderno público e literario en copiceibe. Biopsia
-
No Horizonte
PiandoTeatro
Monólogos
Poemas
Narrativa
Pensamento
Frigorífico
- Setembro 2009 (1)
- Maio 2009 (2)
- Abril 2009 (5)
- Marzo 2009 (1)
- Xaneiro 2009 (2)
- Novembro 2008 (1)
- Outubro 2008 (2)
- Setembro 2008 (4)
Brétema
Actualidade Anxo Ballesteros Autodeterminación Café Bar 13 Carlos Santiago Crise Cultura Demo Ecoloxía Editorial Danu Eleccións Escena Ferrol Filosofía Finlandia Galiza Globalización Grenlandia Guerra Fría Independencia Lariño Lingua Literatura Louro Metano Mingolo Alborés Nacionalismo Normalización Novas da Galiza Poesía Política Rock Satán Siberia Sloterdijk Taberna Teatro Vicente RiscoLicenza

Grøenlandia de Carlos Santiago está licenciado baixo Creative Commons. Condicións adicionais en Copiceibe.Áncoras
Autófago
Átomos e Burbullas
Ave Azul
CCCP
Gzvideos
Galpón de Breogán
Lándoas
Made in Galiza
O Funambulista Coxo
O Voto con Botas
Portal Galego da Língua
Sei o que figestes
Si Home Si
Zero Vacas
Blogomillo- An error has occurred; the feed is probably down. Try again later.