Cita en Finlandia

Ai Finlandia, o teu mar!
Váiseme cumprir un soño a vindeira semana coa estrea de Finlandia, un proxecto no que levo anos a cismar e que grazas ao Teatro Biodegradábel de Ohio, compañía teatral ilegal e imaxinaria, é xa unha realidade, con todas as prevencións que a tal palabra require. Vaia por diante o meu agradecemento e admiración a toda a xente que se apuntou a participar na aventura e que deu digno formato colectivo aos meus delirios escandinavos.
Dado o seu carácter biodegradábel, a peza será representada en dúas funcións únicas que terán lugar na Sala Nasa os días 19 e 20 de Maio, ficando o futuro aberto a calquera reincidencia non prevista. Finlandia é un cruzamento entre o teatro do absurdo e o simbolismo popular, e se cadra tamén un xeito de esclarecer os solpores xeados da nosa identidade, sexa iso o que for, que tampouco é cousa tan clara como a neve. En calquera caso, unha alegoría sobre Galiza e os desafíos que culturas indíxenas como a nosa deben afrontar na época global, ameazadas pola extinción e o sometemento a un mundo monolítico onde calquera diferenza é interpretada como potencial ameaza terrorista. Ben saben isto na Sala Nasa, ameazada nos últimos tempos por patéticos furacáns reaccionarios procedentes da estepa rusa.
Finlandia é un experimento de teatro civil producido e interpretado por un grupo de cidadáns, de variábel experiencia no palco, no que se quere reivindicar o teatro como ferramenta expresiva de toda a sociedade. Dúas mestras, dous xornalistas, un historiador, tres restauradores, un taberneiro, unha estudante, un actor, unha bibliotecaria, un deseñador gráfico, un técnico de luz, un educador social, un fotógrafo, varios pescadores, un escritor, e outras persoas de variados oficios, coa colaboración desinteresada de distintos colectivos, participan desta aventura inconformista e escandinava onde o único imposíbel é que a neve deixe de ser branca e comece a cheirar a chocolate.
O aforo é limitado mais as entradas xa se poden reservar a través da billeteira virtual da Nasa. Será unha honra partillar este soño convosco, así que alí agardamos por quen queira acompañarnos nesta fermosa aventura.
Grenlandia Ceibe, Poder Popular!
A nación inuit está de festa. Hai uns días os groenlandeses lograron o recoñecemento do dereito de autodeterminación para Grenlandia, a illa máis grande do mundo cunha poboación que a penas supera a de Vilagarcía de Arousa. Malia ser o país co índice de delincuencia máis alto do planeta, os groenlandeses, de maioría esquimó, conseguiron ver recoñecida a súa identidade nacional sen violencia nin conflito social. O xeito escandinavo é o que che ten, esa racionalidade polar de tratar as cuestións máis espiñentas. Un exemplo para Galiza? Abofé que si, mais velaí que non. Moitas semellanzas nos achegan, pero máis son as diferenzas que nos afastan.
É no plano metafísico, digamos de primeiras, onde abondan os parecidos. Os groenlandeses, poñamos por caso, miden as distancias en sinik, sonos ou soños. Hai viaxes que non pasan dunha soneca e outras que son un verdadeiro prodixio onírico. Non é difícil ver niso certa similitude co xeito galego de comprender o espazo e o tempo, tan dado a contos inverosímiles e relativizacións sen fin. Lembro unha vez, camiño do Ancoradoiro, que lle preguntei a un paisano,
- Canto queda para o Ancoradoiro?
- En coche ou a pe? -retrucoume el-.
- A pe, a pe
- Ai, pois a pe aínda che quedan cinco quilómetros
- E en coche?
- En coche poste alí en dous quilómetros, non chegará
O cal quere dicir que aquí cada quen entende de pesos e medidas como lle peta e como concibe a cousa na súa cabeza. A nación inuit, como habitante contumaz do ártico, distingue máis de corenta variedades de cor branca, o que mutatis mutandi, branco por verde, é tamén especie propia do noso sentido perceptivo. Aos groenlandeses deulles o nome un vikingo de cabelo roxo, Erik o Rubio, un asasino procedente de Islandia que non se cortou un pelo en chamarlle Terra Verde a aquela illa xeada de brancos glaciares, por aquela de atraer o turismo colonial con publicidade enganosa e montar o seu propio chiringuito a pe de praia. A nós o nome déunolo un romano, Décimo Bruto, pero a publicidade fraudulenta xa formaba parte da cultura local cando chegou, e por iso tivo que cruzar o Limia e recitar de cor o nome de todos os lexionarios, para acabar co mito de Oblivion, o río do esquecemento. Defendérmonos con mitos destes en vez de nos defender coas armas é tamén tradición antiquísima entre nós, coma ben observou Castelao no seu día, e aínda que a semellanza coa cultura inuit neste aspecto se cadra ven traída polos pelos, o certo é que entre a metafísica inuit e a metafísica galaica hai ligazóns subterráneas que ningún antropólogo será quen de negar. É noutros eidos onde realmente as diferenzas culturais semellan insalvábeis.
No expediente lingüístico, para comezar por tema tan candente, os groenlandeses acaban de optar polo monolingüismo, é dicir pola oficialidade única da súa lingua. A lingua danesa non atopou a Grenlandia Bilingüe que a defendese da imposición do groenlandés como lingua propia dos esquimós, e a ningún natural do país se lle ocorrería pensar na vida que a súa lingua está moi ben para falar da caza da morsa no iglú, pero que unha vez que traspós a fronteira e ingresas nunha realidade máis universal, como acontece aquí en Galiza cando cruzas o Telón de Grelos e penetras en Zamora, o groenlandés non serve para nada. En Grenlandia como aquí, hai dúas maneiras de chamarlle ao país, pero non andan á lea por causa diso, e agora o máis probábel é que eu mesmo teña que mudarlle o nome ao meu blog e pasar a chamalo Kalaallit Nunaat.
O groenlandés tampouco está ameazado por un problema ortográfico tan agudo coma o que gravita por estes lares. Certo é que nesta cuestión os dilemas son semellantes, pois o inuktitut está emparentado co esquimó, falado no Canadá, e até se dá o caso dunha letra, a Kra, exclusiva do inuktitu, hai pouco reintegrada en Q, como na lingua irmá do norte canadiano. Trátase dun achegamento, coma en certos casos da nosa inconcorde normativa da concordia, pois os groenlandeses, habitantes dunha illa que só linda coa aurora boreal, son aínda isolacionistas e no canto da ortografía esquimó, empregan a escrita latina. Mira ti o que son as cousas. En calquera caso, os inuit son xente pouco dada a levarse mal por culpa das grallas ortográficas, preferindo o alcohol ou a propiedade da neve coma fontes de conflito máis naturais. Con certeza os groenlandeses nunca precisaron de normalizacións de tipo ningún. Eles de sempre foron esquimós e iso parécelles o máis normal do mundo.
Xa no plano político é onde se evidencia de xeito meridiano o abismo que nos separa. Mentres aquí aínda andamos na teima esa de se somos unha nación a secas, a nación de Breogán ou unha rexión de alta transcendencia histórica cun forte sentimento nacional, manda carallo na Habana, véndonos incapaces por iso de reformar o noso raquítico estatuto de autonomía, Grenlandia é estado libre asociado ao Reino de Dinamarca desde o 1979 e vén de lograr agora un novo marco legal que lle permite ir por libre cando lle pete. O máis curioso é que tanto os partidos secesionistas coma os partidos daneses, pese ao carácter consultivo do referendo, aceptaron de antemán o resultado da consulta, calquera que fose. Seríamos capaces de imaxinar nós tanta tolerancia e sentido democrático na nosa caste política? Non creo que nos dean os miolos para tanto, e iso que ultimamente os ollares dos nosos políticos andan a cobrar ese risco oblicuo tan propio dos ollares esquimós, coma quen non quere ver as cousas máis que de lado, non vaia ser que o impacto frontal e platónico da luz os deixe apirolados.
O certo é que estando Grenlandia á beira da independencia, o seu exemplo de pouco nos pode valer por terras ibéricas, onde o dereito de autodeterminación continúa a ser o gran tabú. Claro que a prensa, galega e española, xa nos explica de que vai a movida e por que os groenlandeses poden acceder ao tal dereito sen escándalo mentres vascos, galegos e cataláns debemos contentarnos con arrepañar catro euros nos orzamentos anuais do estado por conta da nosa idiosincrasia e non poñernos farrucos coas nosas disparatadas teimas históricas. Debaixo de Grenlandia hai depósitos inmensos de petróleo, así que o camiño da independencia, é de admirar, ten lóxica esmagadora inclusive para os radiopredicadores da Conferencia Episcopal. Pódese logo supor que se debaixo do territorio galego houbese ouro negro e non unha placa granítica inconmovíbel, a uns e outros pareceríalles completamente consecuente a nosa independencia. Afortunadamente o granito é granito e non hai argumento económico que nos asista. Se cadra son un chisco pesimista e non quero comprender o esforzo do bando nacionalista do goberno con iso dos parques eólicos. Quen sabe, tal vez na cabeza dos dirixentes nacionalistas latexe a idea de que o vento nos proporcione a nós o mesmo que o petróleo aos groenlandeses, o argumento económico capaz de calar a propios e estraños e darnos o dereito de ir por libre no concerto das nacións. O único problema é que o vento sopra por onde lle cadra e iso de medilo por ferrados non parece garantía ningunha no vieiro da autosuficiencia, única vía admisíbel cara á nós mesmos no capitalismo refundado que nos toca padecer. Parecer, parece máis unha maneira de catar a dirección da brisa e cumprir ben o papel de viraventos, tan necesario no negocio este da política, onde os soños non serven para medir as distancias e a independencia semella a penas o delirio de catro cazadores de morsas a quecer as mans na lareira dun iglú.
Pese a todo e contra todo… parabéns, Grenlandia!
Pasou o Anxo
Andaba o Anxo Rei Ballesteros en guerra cunha doenza desas que nos miden as costas e nos van roubando a voz e a alma. O Anxo perdeu a última batalla, non queda outra. Xente amiga brindou o outro día pola súa saúde en Vigo e outros moitos enviáronlle a través da rede mensaxes de alento e admiración. Unha amiga común, a Marga, escribiulle unha carta e animoume a facer o mesmo. Escribinlle un conto. O Mestre e a Marga. É a miña homenaxe persoal a un ser que admiro e que teño por un dos escritores máis poderosos deste noso país, tan necesitado de voces así de libres e afoutas, voces que un día se perden para sempre e das que só resta iso que se chama a obra, manda testamentaria para todos e para ninguén, para quen se sinta obrigado por ela. Eu síntome.
Para quen non o coñecese, digo rápido que Anxo Rei Ballesteros é autor dunha novela, Dos Anxos e dos Mortos, publicada en 1977, considerada daquela pola crítica como inicio dunha nova literatura no país. Unha novela de formación, situada no Santiago dos anos setenta e cun emprego audaz das novas técnicas narrativas que bulían polo mundo. Hoxe, cando regresa con forza a autobiografía como caudal literario, paga a pena recuperar as luces e sombras daquel retrato da mocidade galega na fin do franquismo e nos primeiros pasos da transición, desengano de moitas rebeldías que se prometían o mundo a si mesmas.
En 1992, tras un silencio narrativo de quince anos, publica Loaira, premiada co Losada Diéguez, unha novela máis complexa recibida pola crítica con menor entusiasmo. Con todo, o libro ofrece un exercicio de narrativa pouco usual hoxe en día e moito tesouro lingüístico soterrado na súa trama múltiple. O Anxo, ourive de palabras, pegou sempre no galego popular como materia preciosa do seu traballo e Loaira é neste sentido exemplo maxistral.
Pouco antes da publicación de Loaira, en 1987, o autor enveredara polo teatro con Xogo de Damas, texto estreado na altura pola compañía Malbarate, contando con Rosa Álvarez, Mabel Rivera e Marisa Soto como trío protagonista. Se cadra animado polo éxito desa experiencia probou como dramaturgo no ano 1991 adaptando o monólogo operístico de Jean Cocteau, A Voz Humana, peza na que ofreceu a Marisa Soto ocasión para unha das súas mellores interpretacións.
Pero sen dúbida, un dos xéneros nos que o Anxo acadou unha mestría admirábel foi o ensaio. A Outra Memoria, de 1989, e sobre todo Tempo e Vinganza, publicado no 2003, dan testemuño, con estilo preciso e cativante, dun pensamento lúcido e perspicaz, situado nesa marxe da realidade que Spinoza consideraba a linde mesma da liberdade e na que o Anxo sempre habitou contra vento e marea. Neste último ensaio, unha reflexión sobre a fractura do tempo a propósito da traxedia hamletiana, Anxo Rei Ballesteros desentraña o crime xenético, se non xenital, no que ten orixe o home moderno. O ensaio, como a obra, remata nunha catástrofe, na traxedia mesma de sermos humanos. O resto, afirma con Shakespeare o autor na páxina derradeira, é só silencio. E así é. Adeus, meu.
Vieiras tóxicas.
Publicado en Novas da Galiza.- Era suspeito, há tempos, que andávamos a ser intoxicados. Sintomas havia que o delatassem mas ninguém era quem de assinalar o meio maléfico de que a epidemia se servia para se espalhar entre nós. Afinal eram as vieiras.
As vieiras vinham da Ria de Ferrol, onde intoxicações de todo o tipo causam furor popular desde há anos. Conforme impressões policiais as vieiras ártabras provocam amnésia. Em resposta a tal temeridade, dúzias de intelectuais, artistas, poetas e advogados celebraram uma comida para demonstrarem publicamente que eles, após a jantarada, lembravam-se perfeitamente de tudo e que a vieira é um símbolo nacional que merece todos os respeitos. Os jornais, arteiros, publicaram em primeira plana fotos do acto no que os comendadores, presididos por um senhor de barba reverenda, defenderam o patriotismo de chefes e chefas e acusaram a imprensa, sinaladamente a cozinhada na Corunha, de ofender a honra da alta gastronomia galaica. Com efeito, as rotativas não tiveram piedade, e houve quem aproveitasse até para gabar o lavor da Guarda Civil e criticar a Junta pela sua insignificância, mesmo ao lado da publicidade institucional que em página contígua louvava as bondades de sermos potência eólica e acuícola num futuro mais mediático que imediato.
Bem se sente que o AVE vem a caminho, embora poucos saibam que se lhe perdeu a tal pássaro por estes lares. No AVE, é de temer, servirão vieiras aos passageiros enquanto gozam da paisagem de virandelos e piscifactorias. Nem os virandelos nem as piscifactorias intoxicam muito, diz o conselheiro responsável de dizer essas coisas. O que o intoxica tudo são as vieiras que não passam pelo quirófano para lhes serem amputadas as vesículas. A perda da memória vai-se agravando nas elites, mas lá está em Madrid Don Manuel, quem também papou muita vieira desta, para lhe lembrar a próprios e estranhos que amnésia e amnistia são palavras de comum origem e que a liberdade só pode ser o prémio por esquecermos tudo e mais alguma coisa.
Entre jantares e etimologias, outro gaseiro entra discreto na Ría de Ferrol. A planta de Reganosa também não é tóxica. As plantas são verdes e não poluem, diz o conselheiro, apenas têm função clorofílica. A culpa de tudo, há que insistir, é dos bivalves de toda caste que nos intoxicam e nos confundem, porque afinal o problema da vieira depende muito de quem a cozinhe e sendo assim não há quem se fie da ementa. Pobres de nós, que não passamos do rodovalho antibiótico.
Iniciando
Como ávido leitor do Capitán Trueno, apaixonado por Sigrid, raíña do utópico e xeado reino de Thule, sempre sentín unha veneración especial polos países escandinavos. Hai uns días lin na prensa imperial que a algunha produtora infame lle pasou pola cabeza a idea de facer un filme sobre o Capitán e ofrecerlle o papel da súa amada ártica a Elsa Pataky. Por cousas destas decidín abrir o meu propio caderno na rede e comezar a publicar textos e outras creacións persoais en copiceibe. Chameille ao invento Grøenlandia, título que xa de por si fala verbo das miñas xélidas intencións. Ora ben.
A Grøenlandia, como a Galiza, quédalle pouco tempo por causa do cambio climático e o quecemento global do planeta. É tamén un país colonizado por linguas comúns e estados monárquicos en réxime autonómico, aínda que o tamaño dos paises colonizadores e colonizados é inversamente proporcional en cada caso e Grøenlandia conta xa con estatuto de estado libre asociado. A historia de Grøenlandia é o relato da subsistencia baixo as extremas condicións de vida no clima polar, coma o relato da subsistencia baixo as extremas condicións de vida no clima atlántico é con certeza a historia de Galiza. O índice de suicidios e as cotas de alcholismo son tamén parellas en ambos os dous países. En fin, que razóns que me asistan non me faltan para intitular o meu caderno de xeito tan glacial.
Así que nada, en canto destrúen os últimos mitos do heroísmo libertario con vulgares atentados cinematográficos, aquí tendes o meu caderno escrito en todas as normas e perversións posíbeis do galaico-portugués, esa lingua extraordinaria, onde poderedes, se vos presta, coñecer o meu modesto universo literario e creativo e se cadra contactarme para que vos vaia largar un par de monólogos e unha duzia de poemas na vosa taberna, sala ou asociación cultural. Benvidos e benvidas a Grøenlandia, o lugar no que a ironía se serve fría.
