Tempos de crise, tempos de riso

A vissão risonha do Titom
Publicado en Novas da Galiza.- Dizia um grande mestre que a cultura é o desporto da classe meia. O tal mestre era o Alberto Pimenta. Bom, ainda é. É um poeta que sempre riu da crise e ainda ri. Propriamente ele ri-se da crise, com licença reflexível, porque a crise dá para rir a pouco que se pense. A crise estoura o riso porque não é crise. Propriamente a crise, no canto de crise, é um riso. O riso que é a crise é aliás um riso crítico, porque o ser crítico é o próprio da crise embora ser rico não seja o próprio do riso. O ser próprio do riso é o ser risonho, um sonho daqueles que sempre acabam ás gargalhadas. Sonhar com ser rico também pode fazer com que o riso estoure e mesmo ser sonho de acabar ás gargalhadas, como por outro lado é frequente em tempos de crise.
Mas falávamos da cultura e não da crise. Vamos a isso, que é outro tipo de riso. A cultura, em geral, é uma entidade que estoura ou não estoura o riso em função da função e do funcionário. Há funções que querem estourar o riso e não o estouram e funções que sem quererem estoura-lo também o estouram. No entanto, a cultura não costuma ser uma entidade previsível e por isso os funcionários dão-se mal com ela. Eles, os funcionários, não têm maneira de saberem à partida se a função irá estourar ou não estourar todo o riso preciso para o correcto funcionamento das coisas. A maneira dos funcionários encararem a sua função pode ser motivo de riso, é certo, mas não se lhes pode fazer conta. A função da que são responsáveis não é a mesma função que faz com que sejam funcionários. Há bons funcionários que assistem ás funções e rim muito e maus funcionários que não dão por isso e cumprem a sua função sem um mau sorriso. Seja como for, os funcionários podem rir da crise porque têm a sua função assegurada e isso, podendo estourar o riso, nem é bom nem é mau em si próprio. Em si próprio isso só dá para um sorriso.
A classe media gosta de desporto. É a sua cultura. Também gosta de televisores e secadores do cabelo. As coisas das que gosta a classe meia são infindáveis. Para conseguir todas as coisas infindas de que gosta, a classe meia gosta também de hipotecas. A hipoteca, propriamente, é a coisa de que a classe meia mais gosta, porque a pode trocar por qualquer outra coisa da que goste, carros, casas, umas férias no Mar Egeu ou um televisor positrónico para ver Olimpíadas e Eurocopas. É a sua cultura, o seu desporto. Por esta razão, os funcionários que se ocupam da cultura ocupam-se com frequência também do desporto. No que diz respeito da cultura e do desporto, os funcionários querem sempre ter a coisa sob controlo. Sabem que a classe meia está a olhar do sofá e que pode desatar ás gargalhadas em qualquer um momento, em função de como eles, os funcionários, cumpram a sua função. Mas a cultura, sendo o desporto que ela é, é uma entidade imprevisível, já foi dito, e nem sempre os funcionários conseguem manter o comando da coisa. Quando há crise as hipotecas encarecem e isso é coisa de que a classe meia não gosta mesmo nada. Por isso não há crise, porque a crise faz estourar o riso o qual é completamente contraditório com a carestia das hipotecas, que não faz estourar riso nenhum. A crise é dos ricos, que também rim muito. Rim tanto da crise que executam as hipotecas para que a crise a paguem outros e eles possam curtir a prazer com toda a risada da crise. Se calhar já não há luta de classes, há só a luta dos risos e isso é o crítico, viver neste estado das coisas no que tudo está para estourar.
Cita en Finlandia

Ai Finlandia, o teu mar!
Váiseme cumprir un soño a vindeira semana coa estrea de Finlandia, un proxecto no que levo anos a cismar e que grazas ao Teatro Biodegradábel de Ohio, compañía teatral ilegal e imaxinaria, é xa unha realidade, con todas as prevencións que a tal palabra require. Vaia por diante o meu agradecemento e admiración a toda a xente que se apuntou a participar na aventura e que deu digno formato colectivo aos meus delirios escandinavos.
Dado o seu carácter biodegradábel, a peza será representada en dúas funcións únicas que terán lugar na Sala Nasa os días 19 e 20 de Maio, ficando o futuro aberto a calquera reincidencia non prevista. Finlandia é un cruzamento entre o teatro do absurdo e o simbolismo popular, e se cadra tamén un xeito de esclarecer os solpores xeados da nosa identidade, sexa iso o que for, que tampouco é cousa tan clara como a neve. En calquera caso, unha alegoría sobre Galiza e os desafíos que culturas indíxenas como a nosa deben afrontar na época global, ameazadas pola extinción e o sometemento a un mundo monolítico onde calquera diferenza é interpretada como potencial ameaza terrorista. Ben saben isto na Sala Nasa, ameazada nos últimos tempos por patéticos furacáns reaccionarios procedentes da estepa rusa.
Finlandia é un experimento de teatro civil producido e interpretado por un grupo de cidadáns, de variábel experiencia no palco, no que se quere reivindicar o teatro como ferramenta expresiva de toda a sociedade. Dúas mestras, dous xornalistas, un historiador, tres restauradores, un taberneiro, unha estudante, un actor, unha bibliotecaria, un deseñador gráfico, un técnico de luz, un educador social, un fotógrafo, varios pescadores, un escritor, e outras persoas de variados oficios, coa colaboración desinteresada de distintos colectivos, participan desta aventura inconformista e escandinava onde o único imposíbel é que a neve deixe de ser branca e comece a cheirar a chocolate.
O aforo é limitado mais as entradas xa se poden reservar a través da billeteira virtual da Nasa. Será unha honra partillar este soño convosco, así que alí agardamos por quen queira acompañarnos nesta fermosa aventura.
Crónica Salvaxe IV
Remato coas crónicas da Semana de Poesía Salvaxe, que sen tempo non era. O relato dun día grande cheo de momentos que sen pudor podemos cualificar como inesquecíbeis.
Sábado 18
Última xornada e tamén a derradeira. No Vermouth Poético programado para a unha e media no Cazadores, Carlos Oroza. Un mito. O autor de Cabalum, aquel poema destinado a perderse na marea festiva e hedonista dos anos oitenta, tiña para min as mellores referencias. Moitas noites de viño e herba tiña escoitado aos meus amigos máis vellos a crónica dos recitais de Oroza naquela altura. Tamén a historia de toda unha xeración perdida de escritores que se negaran a participar no sistema, nas componendas da cultura galega, e ficaran nas marxes con escasas excepcións. Xente tan libre como descoñecida. Entre xente desa predicaba Oroza nos oitenta ás súas ladaíñas lúdicas, que lles chamou Chichí Campos no seu día, onde a palabra se esvaía en pura sonoridade. Os recitais de Oroza, acrecentaba aínda o xenial humorista, deberan ser unha terapéutica necesaria. Entre os poemas míticos do viveirense, citábase o América, cos célebres versos nos que Poe se transformaba en corvo.
Y Poe estaba americando. Y Poe llevaba un bicho que había salido por su boca.
Y era Poe, Poe, Poe.

- O poeta en acto
Pedín na barra un martini, xa que estabamos nun vermouth poético onde supoño eu debía consumirse como mínimo tanto vermouth como poesía. A voz de Oroza, un tanto fraxilizada pola idade, comezou logo a entoar os primeiros versos. De novo, como no día anterior, fíxose un silencio reverencial no que o poeta puido brillar co seu recitado pulcro e señorial.
A cabeza fóiseme outra volta para aquela época na que o desengano virou ás cabezas cara á vida e o presente inmediato. Nesa política da supervivencia fomos educados nas rúas galegas moitos adolescentes que comezábamos a andar camiño daquela e por iso a melodía severa de Oroza convocábame fantasmas propios. Cousas que me dá por pensar nos recitais axeitados.
Un video entre poema e poema, e finalmente o América, que por fin puiden escoitar ao vivo. O poeta foi obrigado a un pequeno bis cando aínda resoaban os versos de Cabalum coma un singular eco do poema de Ginsberg recitado na primeira xornada por Guillermo e Karlotti.
Era toda América crucificada a la orilla Toda la América insalivada
y fija .
Brazos saliendo del mar crucificados avanzando brazos pájaros
sin cabeza.
Brazos voces sumisas en la orilla.
Fomos comer despois do sagrado acto, o Marcos, o Estevo, a Leire e a Déborah, o Ildefonso, a Cora e máis o Víctor dos Sin Red, Olaia e o Iván, mozo ferrolán que acompañara practicamente todos os recitais da Semana. Eu tiña claro que un chuletón era a única opción gastroduodenal posíbel despois de tres días de cañas e racións. A conversa na mesa comezou a fluír con bo espírito. Falouse de psicomaxia, da charlatanería de Jodorowski e Sánchez Dragó, dos curandeiros tradicionais e de episodios de curacións extraordinarias, da alternativa máxica ao actual sistema científico, de poesía e acordeóns e das técnicas repentistas dos Bertxolaris, das que Leire nos ofreceu un áxil exercicio versificando en euskara o momento con salva de palmas global. Bravo.
Unha sesta e ás seis e media encontro no Teatro Jofre. Guillermo e Karlotti convocárannos a todos os participantes para un diálogo aberto antes do concerto de Coppini e o Comando Delta. Entre que uns chegaban e outros non, fómonos entretendo na terraza do Teatro Jofre, desde onde se vía unha fragata no porto, se cadra en reparacións. Unha tarde fresca e soleada, ideal para música e café. Ao final xuntámonos uns cantos e Guillermo e Karlotti expresáronnos a súa satisfacción polo resultado da Semana e a súa convicción de darlle continuidade ao encontro anual en Ferrol. Paréceme a min que a cousa paga a pena e que calquera dos que alí estivemos facemos votos por que a idea medre e chegue a ser unha gran referencia no mundo da poesía propia e allea. Foi mágoa non poder ter contado con Pimenta e Ruiz Zink. A poesía portuguesa cáenos ben a man e conta con talentos moi clarificadores na construción de poéticas contemporáneas, das que penso eu andamos bastante necesitados pola banda de Lestrove. É só unha opinión. Se cadra ten razón o Pedro Ferrández e tamén hai que volver un pouco ao clasicismo, ao tema de rimar e crear ritmos claros. Isto da poesía, ben se ve, éche un negocio confuso.
Un café perto e o último acto do programa. O esperado concerto de Germán Coppini e o Comando Delta. Un traballo montado en tres días de ensaios asasinos. Tiña noticia de que os músicos estaban bastante satisfeitos porque Coppini soubera establecer moi rápido a comunicación con eles e a cousa, aínda que apurada, avanzaba por onde debía. De camiño para o Jofre atopamos ao Paco Pestana, que viña de flipar cos peixes no mercado e coas habelencias cromáticas dos polbos.

- Lírica no Jofre
Digo xa que o concerto pareceume un traballo extraordinario, do mellor que teño visto en moito tempo. Por unha banda a consistencia dos músicos, dentro do proxecto de libre improvisación que veñen desenvolvendo en OMEGA, a Orquestra de Música Espontánea de Galiza. Comezaron deixando claras as premisas, con Chefa Alonso ao mando da partitura libre, mentres Coppini permanecía sentado no medio do palco.
Por outra banda a actitude do propio Coppini, que soubo desterrar axiña a tentación nostálxica e aceptar confiado o xogo de destripar as vellas cancións de Golpes Bajos para darlles novo pulo. No principio da súa intervención leu unha declaración poética que tivo por momento máis emotivo o agradecemento a Marcos Lorenzo por facer posíbel a súa presenza no escenario ferrolán.
Logo, un delirio fantástico que tiña por argumento unha das voces líricas máis sobresalientes da historia do pop español. Golpes Bajos foran centrais naquela época que Oroza me conxurara nos miolos a mediodía. Soportei con estoicismo a mudanza na letra de Cena Recalentada. La hermana ya no era imbécil, la madre ya no estaba loca, y el padre ya no se bababa ni amenazaba, pero daba para lembrar perfectamente que malia a súa crueldade, aquela letra léranos a cabeza a moitos rapaces e rapazas na adolescencia.
Na Fiesta de los Maniquíes, que reservaron para o final, non reprimín a emoción e fun bailar coa Deborah para un lateral. Como estaba escuro botei unha lágrima. Fico obrigado ao Germán e ao Comando Delta por ese momentiño. Pouca xente é capaz de provocarme lágrimas así de furtivas.
A última cea dos máis de doce apóstolos da poesía salvaxe tivo lugar no Irlanda, por obra, graza e cortesía do Pedro Ferrández. Logo de comezar o papeo chegou Raquel, filla de Guillermo e sobriña de Pedro, que acompañara toda a Semana cun ollar intelixente e ben disposto os nosos accesos líricos por mercados, bares e prazas. Fixera hai pouco un traballo sobre a República de Weimar e o dadaísmo. Karlotti lembrou a Hugo Ball e a min deume por recitar o principio dunha canción da Psicofónica inspirada nos versos do xenial dadaísta alemán
Arredor dunha pelota incandescente
xira frenético un montón de caca
sobre o que se venden medias de señora
e apréciase a beleza da pintura abstracta
Karlotti fixo o brinde final e pediume que dixera algunha cousa. Ocorréuseme rapear a letra de Mundo Submarino, outra canción do grupo, pero non me deu a cabeza para acordarme das estrofas e a xente desculpoume moi amablemente. Tiven oportunidade de resarcirme máis tarde no Carteles, para responder ao Viva España de Manolo Escobar que ao DJ lle deu por nos espetar nos oídos. Pedinlle que puxera a Macarena de base e rapeeille por riba a letra de Farolas, do meu colega Pepe Sendón, sobre os perniciosos efectos que a propaganda política ten sobre os nosos cerebros. A xente coreou a estrofa e logramos entre todos liberarmonos do andazo de españolismo cañí que viña de ameazar o bo humor de todo o mundo. O estilo musical mudou de vez.
En fin, a intensa, persistente e inevitábel poética noctura de Ferrol serviunos de trasfondo perfecto para despedidas, abrazos e promesas e a II Semana de Poesía Salvaxe esvaeceu para sempre na madrugada, coas primeiras luces da alborada, se cabe tinxida de certa tristura indefinida da que ben lle sabemos o nome. Foi en todo caso unha honra participar na experiencia e mal que ben estas crónicas pretenden ser a penas unha pequena homenaxe ao traballo de todos e todas os que a fixestes posíbel e real. Un bicaso.
Crónica Salvaxe III
Ímoslle coa terceira entrega sobre a Semana de Poesía Salvaxe, que aínda me vai dar o domingo e xa as lembranzas comezan a esvaecer. A memoria, a memoria… é como ter un ourizo na cabeza!
Venres 17
Acordei no día coa Obra Quase Incompleta do Pimenta nas mans, nunha páxina na que se le o poema “classes”: há uns que sabem como começou e também sabem como vai acabar / outros que não sabem como começou mas sabem como vai acabar / outros que sabem como começou mas não sabem como vai acabar / outros ainda que nem sabem como começou nem como vai acabar / outros enfim que nem sabem se já começou, ou se já acabou
Iso deixoume nun estado de conciencia perfecto para retomarlle o pulso ao evento, e sobre as catro e media encontrei a Olaia, a Xes e a Deborah na porta do Hotel Real. Leire Bilbao actuaba ás cinco no peirao do Ferrol Vello, un pequeno canto da cidade salvado da revolución industrial. De camiño pasamos xunto da casa natal de Carvalho Calero, onde os da Fundaçom Artabria teñen pendurado un cartaz reivindicativo para zafar o predio da ruína e xa de paso promover a figura do intelectual para o Día das Letras do vindeiro ano, agora que xa non llo poden dedicar a Ramón Piñeiro.

- Leire no peirao
A ameaza de chuvia dos días anteriores desaparecera por completo. Teño a certeza de que as boas mañas do Karlotti conseguiran convencer ao mesmísimo Zeus de non dar máis a lata e a poeta vasca puido gozar da plenitude solar da tarde para os seus propósitos líricos. Deixando de lado o Dub Manifest do Fermín Muguruza, que me fartei de ouvir no seu día, había anos que non escoitaba falar en euskara, menos recitar. Marcos Lorenzo oficiou de tradutor simultáneo no principio do recital, logo a Leire amañouse soa. A xente, vencida polo sol, foi sentando no chan do amplo peirao mentres Leire recitaba entre dúas árbores poemas breves e concisos, con poucas concesións á abstracción e áncoras sutís na poética popular. Un universo de mulleres que explotan, que arrincan cabezas de peixe, que se senten intimamente ligadas ás arañas sobre as mesas da exploración xinecolóxica ou falan da súa vida como auga pasada que xa non move muíño, como no poema Irene, musicado por Jabier Muguruza no seu último disco.
Mais o recital foi sobre todo unha dura inquisición sobre o reverso dos ollos. “Vexo ollos, a ollar cousas de fóra desde dentro”. Palabras de John Berger que a poeta de Ondarroa escolleu para encabezar un poema sobre o perigo de que a vida se volva unha simple dificultade. No final, Leire recitou un poema en galego, desculpando de primeiras calquera impericia fonética. Con todo, aínda nos podía dar leccións a moitos coas fricativas palatais xordas. O poema intitúlase Ez Dut Nahi [Non quero] e di así.
Ez dut lurperatuko nauen aberririk nahi, [Non quero unha patria que me enterre]
izan nahi genuena ahora ekarriko didanik. [que me traia á boca aquilo que queriamos ser.]
Ez dut nekatuko nauen maitasunik nahi, [Non quero un amor que me abafe]
lepora igoko zaidanik mendeku hartzeko ez bada. [que se me chante no pescozo só por vinganza]
Ez dut babestuko nauen amarik nahi, [Non quero unha nai que me protexa]
alboan izango ez badut denbora badoanean. [se non a teño onda min cando o tempo marche]
Ez aberri, ez maitasun, ez amarik [Sen patria, sen amor, sen nai]
ez badut, nora itzuliko naiz? [onde haberei eu de voltar?]
Iso é falar e o demais son caralladas. Gora!
Mudando de praza e de poética fomos para o Marqués de Amboaxe dispostos a nos deixar sorprender polo Tío Francisco, quen levaba dous días preocupado cun fusil napoleónico e un púlpito rodante, pezas chave da súa intervención. Deume por pensar durante a camiñada que se cadra andaba a reconciliarme coa poesía dun xeito demasiado desprevido. Botaba en falta na Semana algunha proposta máis crítica coa propia palabra poética, na onda por exemplo dos poetas Language, por non nos remontar máis atrás, a Kurt Schwitters ou a Klebnikov ou ás cerimonias nihilistas de Duchamp, Picabia e demais canalla dadaísta. Transgresión. Desviación. Dadá. A destrución de toda presunción transcendente no corazón mesmo da linguaxe.

- Nada! Nada! Nada!
Apareceu entón Paco Pestana na praza, con uniforme de domador, facendo unha pregunta necesaria: Que queres? E reiterando por resposta a única palabra posíbel despois de todo holocausto: Nada, Nada, Nada. Armado dunha moto serra, preparou o terreo provocando o pánico preciso entre o público e finalmente embarcou no galeón pirata Inmaculada Inquisición para aterrorizar os mares de pedra ferroláns desde o castelo de popa invocando a todos os santos da súa devoción, desde Paquito Chocolatero e o Archimandita de Tombuctú até o propio Marqués de Amboages, sometido polas pombas a unha auténtica tortura fecal. “Que queres, Marqués? Que queres?” Unha multitude de nenos e nenas, fascinados polo espectáculo surreal, seguíao a todas partes. “Estos niños tal vez no son míos” dicíalle ás señoras esfumadas en laca que contemplaban a escena medio escandalizadas desde as terrazas dos cafés.
De aquí para aló tivo tempo de homenaxear pola brava a Salvador Dalí, de redefinir todas as entradas do dicionario da Real Academia de la Lengua Española e de establecer unha alianza militar coas pombas que procesaban o lixo por toda a praza. Unha descarga de enerxía brutal capaz de desterrar por unha hora calquera asomo de melancolía das nosas cabezas e dos nosos traseiros inquietos. Haberá quen se apropie da palabra poesía e viva de asinar hipotecas no seu nome. Pero haberá sempre tamén apaches como Don Paco que ameacen o tráfico legal de lirismo e asalten os bancos necesarios para nos desposuír de toda Santa Verdade. “… ¿La puta crisis? Nada! Nada! Nada!”.
Para reequilibrar os niveis de noradrenalina xuntámonos varios para pasear por Ferrol: Karlotti, Guillermo Ferrández, Victor Diez, Leire Bilbao, Deborah Vukusic e máis eu, e acabamos nun pub moi british, que non sei por que me fixo lembrar o Almirante Benbow, a pousada onde dá comezo a Illa do Tesouro e na que o mozo Jim Hawkins birla o mapa do tesouro do cofre dun mariñeiro de cara fendida chamado Bones. Guillermo e Karlotti contáronnos que a galería típica da arquitectura tradicional galega procede na realidade dos artesáns ferroláns que traballaban nos estaleiros, inspirada directamente nos castelos de popa dos antigos buques.
Logo Leire, Deborah e eu ficamos sos e metéusenos na cabeza ir comer queixo do pais nalgunha tasca. Por máis voltas que demos por Ferrol non conseguimos o noso obxectivo. Tivemos que nos contentar cunhas setas con gambas que aínda por riba estaban máis salgadas que a auga da ría. Comida salgada, castelos de popa, peiraos e galeóns. Unha tarde completamente ultramarina que foi coroada polo recital de Olaia Cociña no Pub Carteles, ás dez da noite.
Dérase cita no local boa parte da tropa salvaxe e algún recén chegado como Estevo Creus, quen xa participara na primeira edición e a quen todos lembraban co cariño do que sempre sabe facerse acredor. O Marcos apareceu do brazo de Carlos Oroza, que debía facer ás veces de presentador de Olaia. Sorprendeume a súa figura, tan fráxil como altiva. Cando foi tempo subiu ao palco e recitou un poema coa temperanza case mítica da que me tiñan falado moitos amigos que o seguiran nos anos oitenta. O silencio reverencial do público estoupou en berros e palmas cando rematou o poema. Esqueceu presentar a Olaia, quen tomou o tempo necesario para asentar no palco acompañada do acordeonista Manuel Cociña, seu tío.
Olaia e Manuel compuxeron encol do palco unha das estampas máis fermosas da semana, dunha elegancia abraiante. Manuel acariñou as primeiras notas no acordeón procurándonos no espírito o rastro de antigas melodías de intenso sabor atlántico mentres a autora de “As Vértebras da Memoria” encetaba a súa singradura lírica botando man daquilo que Valente consagrou como as palabras da tribo. Deixei ir a cabeza na sonoridade aristocrática da nosa lingua, máis amada se cabe na voz de Olaia. É curioso. Cando o acordeón chegou a Galiza, a principios do século XX, a través dos portos, moitos integristas do folklore da altura clamaron contra o que consideraban un instrumento diabólico. Hoxe o acordeón garda memoria xa de tempos idos, da singular comunidade que fomos e xa nunca volveremos ser, e se cadra por iso, cando Olaia rematou a lectura dos poemas e o acordeón de Manuel ficou no ar como único argumento, boa parte do público sentiu a tentación de acompañar cantando a melodía, nun intre de fermosa comunión. Dis que iso, en definitiva, é a poesía, un sentimento que se fai común e sume aos individuos nun canto único. Grazas aos dous por iso.
Rematado o programa do día abriuse a noite, como non, á ineludíbel poética ferrolá que xa ameazaba con facer estragos no meu corpo. Entre a tropa festeira andaba o Iago Martínez, que anda co Xes e o Alexandre Cancelo a realizar un documental sobre Lois Pereiro, e con eles apurei os últimos versos da noite, que non se diga, a falar de todo o humano e o divino.
Crónica Salvaxe II
Continúo coa saga salvaxe sobre os catro días que conmoveron Ferrol, é un falar. É un xeito de conxurar a saudade, que é iso que sucede cando a cousa xa foi e hai que mandar a rede a por novos caladoiros emocionais.
Xoves 16.

- A lírica do mercado
Cunha resaca monumental aparecín pasada a unha da tarde no mercado da Magdalena para asistir á intervención de Deborah Vukušić. A cousa xa principiara, claro. Deborah despregara nun cruzamento do mercado diversa imaxinería infantil: bonecas, escavadoras, animais e trompetas de plástico e un soldado gai capaz de reptar polo chan con libidinosa habelencia. Tamén escribira varias frases con xiz en diferentes linguas. Un carniceiro contemplaba o recital co coitelo na man e cara de tallarlle o pescozo á abella con orellas de lobo. Dúas pesqueiras e máis unha froiteira escoitaban pola contra, completamente fascinadas, a guerra de identidade que Deborah ía establecendo co seu pasado mentres a voz de Jim Morrison deluvaba os versos de The End. A traxedia iugoslava ensarillábase coma un polbo nos dramas persoais e familiares e a sinceridade de Vuk deixaba estupefacta a unha señora que ao meu carón interrompera a súa rutina diaria para presenciar o extraordinario.
- ¡Que buena es! ¿Hay libros en las librerías?
- Imaxino que si
- Bueno, me tengo que ir ya, le dices que me encantó, ¿vale?
- Non hai fallo

- Guerra de Identidade
Foi a intervención de Deborah a primeira na que se evidenciou o sentido máis pertinente da Semana de Poesía Salvaxe, a ruptura poética do tempo cotiá e a irrupción do empiricamente vivo nas derivas urbanas. Saír ás compras e deparar cun obstáculo parlante que profire estrofas como esta
una mujer en campo de batalla/ luchando consigo misma/ luchando con su peor enemigo/ vestida con traje de camuflaje/ hablo de mi pasado/ en el presente/ para conjurar el futuro/ mientras voy dejando atrás/ miembros tronchados/ y recuerdos esparcidos
Nada que deixe indiferente a ama de casa ningunha. Ai, Deborahtxu, vente para Galiza, que andamos faltos de seres coma ti e aquí da poesía xa estamos afeitos a vivir!
Logo do recital fomos picar chocos, chipiróns e calamares polos bares. Paco Pestana, oficiante casual do culto gastronómico galaico, obrigounos a todas e todos a comer tripas. Así, curados de espanto, fomos descansar. Algún aínda tivo tempo de pasar pola farmacia e resolver a súa poética cefalea.
Por volta das seis era a quenda de Marcos Lorenzo, que instalou a súa oficina lírica na Rúa Real debaixo do toldo do Bla Bla Café, en previsión dun novo chuvasco. Só por contradicir tal exceso de planificación, o sol resplandeceu durante todo o recital. Algunhas caras novas incorporáranse xa ao ritmo salvaxe da semana, como Olaia Cociña e o Xes. As tripas étnicas de Tío Francisco non colmaran o meu apetito e fun pillar un par de cañas de crema nunha pastelería da que non lembro o nome, mais da que o Pedro asegurou ser a mellor pastelería da península ibérica, afirmación que non tiven razón para negar.

- Liquidacións a pe de rúa
O Marcos foi liquidando as existencias aforísticas do seu primeiro libro en canto os cidadáns paseaban pola rúa máis metafísica de Ferrol e se deixaban sorprender de esguello polo transo poético. Varias pícaras xogaban admiradas diante do recitante que exercitaba o seu talento para o verso sintético a priori con indiferenza ritual.
Cada vez que hacemos algo nuevo,
somos un poco más viejos.
Envejecer es siempre una novedad.
O broche emotivo chegou cun texto escrito días antes en Medellín, onde o noso home asistira ao Festival de Poesía máis multitudinario do planeta. Unha breve disertación sobre o auténtico choque de civilizacións: a que se produce cando un avión nos deposita nunha realidade allea que nos sobrepasa en exuberancia, vitalidade e entusiasmo, e coa cal, non obstante, sentímonos intimamente identificados. Entre os textos recitados, un poema do Alberto Pimenta, lido directamente en portugués, concitou a maior atención dos transeúntes, se cadra sorprendidos de escoitar lingua tan estraña e singular. Ás veces o choque de civilizacións pode ter lugar na mesma porta da casa e os avións acaban por perder toda a súa petulante transcendencia.
Sobre as dez da noite tiñamos cita na Capela do Torrente cos Sin Red, a primeira aposta da semana pola fusión entre música e palabra. Tiven un aquel de saudade. A última vez que pasara polo Centro Cultural fora formando parte da Burla Negra, na Ultranoite de homenaxe aos veciños de Mugardos e aos colectivos en loita contra a Planta de Gas de Reganosa, esa tropelía político-empresarial que enche de lírica combativa as paredes e muros de Ferrol.

Sin Red por Manuel Muñoz
Procedentes de León e Madrid, os Sin Red, con Chefa Alonso, Cova Villegas, Ildefonso Rodríguez e Víctor Díez, poeta reincidente na Semana, practican a improvisación e o repentismo como métodos para facer agromar do caos a beleza efémera e brutal de son e palabra. A mestura de instrumentos nobres, como o saxo, o clarinete ou a percusión con instrumentos máis lúdicos e os obxectos manexados polo Víctor, que tamén se encargaba da voz máis poética armado dun pequeno megáfono, sumiron a antiga capela do Hospital da Caridade nunha mística ben pouco católica, onde a liberdade, sumo paradoxo, era o único dogma e o humor nas interpretacións e no lado máis performativo do espectáculo disipaban calquera aceno de seriedade. Volvín sentir saudade, desta volta dos primeiros tempos da Psicofónica, a banda na que algúns tolindracos nos mergulláramos no mundo do experimentalismo dadaísta e patacofónico e lembrei aquela cita de Lorca que Llorens Barber empregou unha vez nun curso na Sala Nasa para nos explicar os segredos da música contemporánea: “escuchamos por espejos”. Somos como soamos, que dicía o Outro. E abofé que os Sin Red facían puntual profesión de tal filosofía.
Para curármonos dese fermoso pouso melancólico que sempre deixa a liberdade, fomos toda a tropa cear nunha taberna na parte alta do barrio da Magdalena, onde un dilixente taberneiro saciounos a fame e a sede até extremos delirantes. Abonda dicir, horríbel sacrilexio, que o raxo e a zorza quedaron a medias. Aproveitando o carácter pantagruélico do festín, Paco Pestana aproveitou para relatarnos as súas aventuras por Vigo con Laxeiro e outros episodios inconfesábeis que magnificaron o viño e o licor café como manda Rabelais.
Logo de ter sintonizadas as almas e os corpos, a persistente poética nocturna de Ferrol volveu chamar polos seus acólitos e encamiñámonos ao Carteles, outro dos locais do programa, onde atopamos varios membros do Comando Delta como Nacho Muñoz, Miguel MIG, Patxi Valera, Pablo Sax ou Quique Otero, que viñan do ensaio con Germán Coppini para o concerto do sábado. Moito rock and roll e o Space Oddity de Bowie para flipar un chisco na pista de baile. A noitada acabou aínda na Sala Run Rum, principal foco da insurxencia roqueira ferrolá, desde onde se organiza o festival anual A Todo Filispin, da man do incombustíbel produtor Maximino López. Tampouco logrei desta vez furtarme ao amencer e acabei coa Deborah comendo terroríficos sandwiches mixtos nunha cafetería mentres a luz esluía os nosos rostros vampíricos. Xa esluídos de todo fomos durmir, que o salvaxe non quita o valente e a parte onírica da vida ten tamén os seus dereitos.
Crónica Salvaxe I
Rematou a Semana de Poesía Salvaxe e medio cumprindo a miña media promesa de facer crónica dos acontecementos alá vou, por capítulos, que despois de tanta emoción poética entroume unha angueira máis narrativa. Tendo en conta ademais que a II Semana de Poesía Salvaxe se converteu nunha auténtica Zona Temporalmente Autónoma, das que preconizaba o mestre Hakim Bey, hai que relatar a cousa case como se fose a toma de Fiume por D´Anunzzio e o seu exército de piratas líricos. Así que, con licenza, aí vos vai.
Mércores 15
Partín de Santiago a tarde do mércores no coche de liña, vehículo por excelencia da nosa poética popular, con destino a Ferrol, cidade portuaria de indomábel tradición musical, vítima histórica de reconversións industriais e outros cinismos políticos. Pouca xente na viaxe. Unha rapaza cunha cámara de fotos non perdía pormenor da paisaxe, mentres eu lía no me asento o ensaio de Carlos Fernández e Anxo Rei Ballesteros sobre Rof Carballo, introdutor da medicina psicosomática en Galiza e da perspectiva antropolóxica na práctica clínica. Teño días así. Clinicamente, a rapaza amosaba os síntomas psicosomáticos propios dunha poeta salvaxe. A miña intuición volveuse certeza cando na estación de Ferrol fomos recollidos por Maximino López, produtor da Semana, e tivemos ocasión de botar as primeiras risas por conta das mutuas intuicións acontecidas durante o traxecto entre Santiago e Ferrol. Era Deborah Vukušić, poeta galaico-croata residente en Madrid que traduce o seu apelido como “abella con orellas de lobo”. Non pintaba mal a cousa en termos polisémicos.
Fomos conducidos ambos ao Quiosco do Cantón onde Guillermo Ferrández e Karlotti, anfitrións da semana, argallaban a escena para o recital de benvida. Outros poetas e participantes temían xa a chuvia dentro do Quiosco. As presentacións. Primeiro, unha auténtica gudari da poesía vasca e muller de palabras concretas
- Leire Bilbao, Carlos Santiago.
- Es de Bilbao?
- No, de Ondarroa. ¿Y tu eres de Santiago?
- Si, pero tampouco ten nada que ver.
De seguida, Paco Pestana, forza salvaxe e sobrehumana de Castroverde, a quen lembraba do ano 92, cando Chévere lle encomendara, xunto a Quique Bordel, os aderezos de Big Bang, unha comedia musical con números venusinos axeitados ao xenio artístico dos lucenses. Non tardou nin media hora Don Paco en se converter no Tío Francisco, empeñado protector de doncelas e flaxelo de conciencias difusas, e autor de brillantes versos dos moitos que xurdiron espontaneamente durante o evento.
A pouco de comezar o recital chegou tamén, procedente de Colombia, e aínda abraiado polas súas experiencias líricas en Medellín, Marcos Lorenzo, auténtico demiurgo da Semana de Poesía Salvaxe.

- Guillermo e Karlotti
O primeiro recital foi abenzoado polos deuses cunha chuvia persistente que deu inicio, tras a lectura do manifesto inaugural, cos primeiros versos do Vietnam Canto de Uxío Novoneyra, interpretado a dúas voces por Guillermo e Karlotti para unha praza mollada e inzada de paraugas. Seguiulle o poema With Usura de Ezra Pound e o América de Allen Ginsberg, que os poetas ferroláns renomearon como Estados Unidos para retirarlle o pouso da Doutrina Monroe que se lle coara ao poeta de New Jersey no célebre texto.
Perante a insidia da chuvia, o público acabou por subir ao Quiosco e pór os corpos e as almas a secar. O espírito beatnik, que peneirou durante toda a semana, fixo así acto de presenza no Cantón, seguido do Veleiquí de Méndez Ferrín dedicado a Manuel María e do Bomba de Gregory Corso, que deu fin ao recital e co que Guillermo e Karlotti lograron convencer aos ceos de depor a súa hostil actitude climática.
.
BUM BUM BUM BUM BUM
BUM vosotros cielos y BUM vosotros soles
BUM BUM vosotros lunas vosotros estrellas BUM
vosotros noches BUM vosotros días vosotros BUM
BUM BUM vosotros vientos vosotros nubes vosotros lluvias

Alén de Nós, Máis Nada!
Tocábame a min a segunda acometida poética, ás once da noite no Pub Cazadores, e fun para o hotel repasar e afinar os meus textículos. Decidira recompor todo o espectáculo co material de Desacordos Ortográficos, un espectáculo paralelo que só fago en Portugal, e pouco despois das once da noite aparecín no escenario improvisado do Cazadores, local mítico do underground ferrolán, vestido de futbolista en representación da Selección Nacional de Poetas da Galiza. Tratei de defender a ironía e a distancia como motores da emoción, aínda a risco de ser despromovido do gremio poético. Son un ateo compulsivo, así que podo crer nas metáforas, pero non nas definicións. Probei algúns textos novos que funcionaron de xeito desigual. Coido que a xente o pasou de pinga, que se diría en ferrolán de toda a vida, e iso era todo o meu obxectivo, aínda que algún espírito perspicaz sóubome apalpar a dor por baixo da sátira e iso converteuno de vez nun espírito amigo. O espírito do Pedro Ferrández, por máis sinal.
Logo do recital fun experimentar a intensa poética nocturna de Ferrol, da man de Maximino e Aurora, muller de suprema vitalidade e loitadora curtida na dura e teimuda batalla ferrolá, e puiden coñecer ao poeta local Suso Suciedad, no pub Manchita, que me ofreceu o seu Evangelio según Tourette, onde crucifica a Cristo por segunda vez con todo luxo de obscenidades e imprecacións. Aí sobre as seis da mañá, eu e máis o Lito, un dos técnicos da Semana, aínda tivemos tempo e cabeza para unha conversa sobre a condición indefiníbel da poesía. Tratei de furtarme ao amencer, pero confeso que non fun capaz. Ser salvaxe, madia leva, é para min natureza primeira.
Poesía Salvaxe

Lírica da xungla
Comeza a II Semana de Poesía Salvaxe en Ferrol. O concepto é contundente, inundar de poesía as prazas, mercados e baretos da cidade, que tanto precisa de inundacións extraordinarias. Tócame abrir a primeira noite no pub Cazadores. De primeiras un territorio natural para a lírica selvática. Tratarei de arrastrar os meus textículos polo palco con toda a dignidade dispoñíbel. Non sei se me sairá a cousa tipo tigre ou tipo macaco, pero a selva é o que che ten, un amplo espectro de posibilidades líricas. Logo, a disfrutar do programa, de mércores a sábado.
A nómina de felinos da palabra é prometedora: Guillermo Ferrández & Karlotti, Déborah Vukusic, Marcos Lorenzo, Sin Red, Leire Bilbao, Paco Pestana, Olaia Cocinha, Carlos Oroza, Germán Coppini e o Comando Delta. Nunca vin ao Carlos Oroza ao vivo e non vou perder a ocasión de desentrañar os enigmas deste oráculo beatnik que algunha vez describiu os libros de poesía como caixas de signos sen sentido.
Se cadra sacúdome a nugalla e anímome a facer crónica diaria do evento. Tampouco prometo nada, porque na selva cada quen vai á súa bola e vai de caza cando lle parece. Pero a ver. Véxolle a Ferrol exuberancia abondo para regresar por un días ao estado salvaxe e tirar todo o partido posíbel. Sei que a organización fixo algunha tentativa para traer a Rui Zink e ao Alberto Pimenta desde Lisboa, así que hei de levar a Obra Quase Incompleta do mestre e repasar durante a semana os fundamentos infundados da poesía animal.
Demo de eleccións

Alberto Mefis Tófeles
Ándovos a ler, nestes días de reflexións e recomposicións políticas, a historia do Demo de Vicente Risco. Pareceume unha lectura acaída despois das diabólicas eleccións que decidiron o regreso ao goberno da Xunta do Partido de Dios, la Patria y la Sagrada Hipoteca. No seu tratado, Risco, que anticipou no tempo, aínda que non na sona, o diagnóstico spengleriano da decadencia de Occidente, atribúe con pulcra erudición a Satán a erección da segunda Torre de Babel: a civilización moderna, “intención secreta -afirma o de Ourense- de todas as herexías, de todas as apostasías, de todas as rebeldías”.
Eran cousas que Don Vicente dicía en 1947, pouco despois de arrenegar do Demo galeguista e republicán, cando o franquismo podía aparecer, a ollos daquel católico excéntrico, como a tentativa arcanxélica e flamíxera de repor a orde natural do universo e o imperio do Sumo Facedor. Risco, na súa biografía do Demo, dá por sentado que a verdade absoluta existe e ten por asento principal fortificado a Cátedra de San Pedro, e que todo o traballo de deconstrución das grandes verdades da metafísica encetado pola Ilustración europea obedeceu en último termo aos diabólicos manexos de Lucifer. Non deixa de ser irónico que o primeiro teórico do nacionalismo galego envorque dese xeito a Deusa Razón nas caldeiras fumegantes do inferno. Para o noso etnógrafo máis fantástico e atrevido, hai moito tempo que Satán, pai das Mentiras e máis do Esquecemento, deixou as encrucilladas medievais polo laboratorio e a planificación técnica da corrupción das almas. El é, en definitiva, o gran beneficiario do Progreso, o seu soberbio fautor. Pois no “afán de superar todo o recibido” do que os contemporáneos nos gabamos con pecaminoso orgullo, atopa Satán a máis grande ocasión que viron os tempos para someter o mundo ao seu antollo.
Nada que obxectar. Inclusive desde o ateísmo, que eu profeso con luciferina teimosía, é posíbel aceptar este diagnóstico pesimista sobre a cultura e a civilización que nos acubillan. Despois de todo, Don Vicente só tratou de acrisolar a Nietzsche co Catolicismo, como George Bataille, poeta e prosador sublime da obscenidade, tratou de conciliar ao notario da morte de Deus con Sigmund Freud e Karl Marx na súa pecadenta Summa Ateologica. A tradición pesimista europea, como a pornografía, non é patrimonio dos conservadores. Hoxe por hoxe, até comeza ser especificamente de esquerdas, a tal punto a Dereita satanizada conseguiu apropiarse do optimismo progresista, alén de lle asaltar o panteón e roubarlle deusas tan pouco católicas como a Liberdade, a Razón ou a Democracia. Coitado de Don Vicente de ver esta Dereita que padecemos entregada ao existencialismo do estar no mundo e o ser para a morte. “A Dereita son eu”, blasfema Satán cunha gargallada estrepitosa. Pena que teño de tantas beatas e tantos vellos patriarcas e tantos novos emprendedores que acreditan sinceramente na existencia de Deus e no Sumo Pontífice que os ha liberar algún día da crise económica e a decadencia moral. Eles polo menos non son intelectuais e nin sequera sospeitan as posibilidades políticas do cinismo. A penas as do resentimento.
Pois o que Don Vicente non previu, obcecado en esaxerar a face esquerdista, liberal ou xacobina do Príncipe do Mal, sen dúbida verídica, foi a entrega absoluta das forzas do Ben á pura consecución do Mal por medios escrupulosamente legais, racionais e democráticos. Exactamente o mesmo do que non souberon precaverse os antigos socios de goberno que marchan agora co rabo entre as pernas para asombro de toda a corte infernal. Afeitos a pensar que os demoníacos eran eles, non viron que o Demo mudaba de bando e se mascaraba tras o partido de Dios, la Patria y la Sagrada Hipoteca para facer medrar a Torre de Babel a menos de cincocentos metros da costa. Contaban, seica, co apoio incondicional do tradicional electorado satánico sen saber unha palabra de como furrulan as cousas no inferno e que se hai algunha fraqueza que o Demo non perdoa é a beatería nas súas propias filas. Ben sabido é que Lucifer non se anda con hostias. O último cartaz electoral de Núñez Feijoo, que veu remudar a inicial e incomprensíbel imaxe “Citizen Cane” do candidato na moito máis sedutora e arteira figura de Mefistófeles, falaba ás claras de onde se ía situar o Demo desta volta.
Esta é a conclusión que eu tiro en limpo, a miña análise electoral, que lle chaman agora por aí: hai que volver ler a Vicente Risco e perdoarlle as imprevisións, que xa o dixo Manuel Outeiriño no seu día e ninguén lle fixo caso. “Temos aínda por diante rescribir posmetafísicamente a teoría do nacionalismo galego, procurar o significado posmetafísico da saudade, tentar comprender con ecuanimidade o esforzo político de Vicente Risco.” Ou dito de xeito blasfemo… Amiguiños, hai que volver ser satánicos, que de católicos vainos de puta pena!


